Opinión

Dorothea Tanning

Marabillosa. Dorothea Tanning (1912-2010) atrapounos co seu imaxinario. Conseguiu crear con cada imaxe un relato visual do que podemos participar libremente construíndo na nosa cabeza un antes e un despois para o contemplado, malia a sorpresa que nos causa esa atmosfera bizarra. Bizarra no sentido de arriscada, lúcida, valente. Bizarra tamén pola rareza que lle podemos atribuír, dado o insólito das escenas e dos personaxes que nos ofrece en cadros como Retrato de familia, pintado entre 1953 e 1954. Que atopamos entón no relato visual do devandito cadro que tan interesante resulta? Moi simple: a crítica do paradigma patriarcal. Daquela, o tamaño das figuras deixa de ser un simple significante para converterse nun signo que revela o peso familiar de cada personaxe. O fondo da imaxe ocúpao o pater familias: ese señor que se encargou, durante séculos, de dirixir e controlar a célula base da sociedade tradicional. Esta especie de pantocrátor doméstico, tal e como corresponde ao seu status, aparece moi serio, con gafas, traxe de chaqueta e gravata. 


A intención de Tanning foi materializar esa “auctoritas” que se lle presupuxo ao varón dende a noite dos tempos. En claro contraste con este xefazo vese a esposa, menor en tamaño como menor era en importancia dentro dese núcleo burgués tan asfixiante, e a “criada” -que despectivo soa o de “criada”, verdade?-, moito menor aínda. Interesante pois esta proposta de Tanning, como tantas outras que poderemos desfrutar da artista estes días no Reina Sofía. 


Quen teña oportunidade debería acudir, porque Dorothea paga moito a pena. De feito esta retrospectiva do seu traballo realizado entre 1936 e 1997, que ofrece 150 pezas -collages, pinturas, instalacións-, debería servir de impulso para poñer enriba da mesa unha cuestión ben interesante: para cando Dorothea Tanning, Leonora Carrington, Louise Bourgeois ou Maruja Mallo e Tamara de Lempicka nos temarios de arte? A ver se sucede dunha vez e con frecuencia, que boa falla fai. O cambio de paradigma está aí. Mellor aceptalo.

Te puede interesar