Opinión

Espectáculo: falsa bondade

Le spectacle est la confirmation de l’apparence et l’affirmation de toute vie humaine, c’est-à-dire, sociale, comme simple apparence. Non son moi afeccionada ás citas, mais, en moitos casos, cómpre recoñecer que axudan a clarificar o tema que se pretende abordar. Esta que se recolle aquí, nesta columna, pertence a Guy Debord. Aparece no seu ensaio La société du spectacle (1967), certamente interesante. Neste traballo, Debord explicaba ata que punto celebramos a ilusión, na medida en que eliximos a representación fronte á realidade, porque preferimos estar e parecer que ser. 

A cousa podería resumirse, de xeito moi simple, da seguinte maneira, cremos que somos na medida en que nos miran. Resultar invisíbeis é como morrer, porque, nunha sociedade destas características, só o contemplado posúe calidade de existente. Daquela, máis que definírmonos seremos definidas, ou definidos. Isto colócanos nun lugar moi fráxil, porque devimos dependentes da opinión allea e esta dependencia irá en detrimento da liberdade. Hai un exceso de consciencia desta observación que nos castra, en efecto. Tendo conta disto, construír unha existencia “auténtica”, conforme ao que sentimos realmente, faise difícil para aquelas e aqueloutros que precisan do beneplácito dos demais. 

Ser medianamente libre ten un prezo. Hai que ter a disposición de o pagar para pronunciarse. Se isto se traslada ao entorno laboral, a cousa ponse peor. Nel, a covardía, unha actitude política desprezábel, adoita agocharse baixo unha imaxe de falsa bondade. Falsa, porque oculta algo radicalmente diferente. O que? Egoísmo. 

A única preocupación dunha persoa medorenta é ela mesma. Só dirá o que se pode dicir, para evitar enfrontamentos, calará cando lle conveña, intentará achegarse ao poder para vivir mellor e nos abandonará, sen dubidalo un minuto, cando aparezan as primeiras dificultades. Isto forma parte dun ciclo perverso de violencia do que ninguén quere sentirse responsábel, mais no que todas e todos colaboramos en maior ou menor medida. Un Dogville en toda regra. Edulcorado, si, pero un Dogville. Talvez simplemente necesitemos botar unha man a outras persoas para comprender ata que punto é fatigante tanto egocentrismo. A poder ser con discrección. Seremos capaces?

Te puede interesar