Opinión

Esquece Monelos

Esquece Monelos, o novo traballo de Ángeles Huerta (Gijón, 1974), constitúe un exercicio de reflexión ben interesante sobre a memoria. Nel, a cineasta estabelece un paralelismo entre a mente humana e un río. Cal, concretamente? Monelos. A partir dun feito concreto, a “desaparición” do devandito río, Huerta traza un discurso sobre a importancia de recordar para traer de volta algo que pode interesarnos ter presente por algunha razón. Esquece Monelos móvese entón entre dous planos: o persoal e o colectivo. 

A asociación constante entre a perda da memoria provocada polo Alzheimer e a propia desparición do río deixa ver non só unha cohesión sólida, mais unha sensibilidade exquisita, que percibiremos xa dende as imaxes inciais. Esta dualidade confire á fita unha simetría case perfecta, que devén contido en si mesma, algo moi suxerente que facilita a nosa interacción co discurso que fía, porque, dalgunha maneira, sentiremos que nos afecta. Tanto polo respecto e temor que o Alzheimer suscita, como pola atención ás declaracións das mulleres entrevistadas -testemuñas desa forzosa desaparición do río Monelos-, caeremos no feitizo de Huerta que nos envolve coa súa ficción documental do privado, que, obviamente, tivo repercusións no ámbito público. Aí están os novos edificios construídos nese terreo, antes transitado en parte polo río, en prol do tan cacarexado progreso, algo que, en principio, pode semellar moi estimulante -unha cidade máis cool, megamoderna e sofisticada-, pero que, normalmente, non ten conta das consecuencias de seu, porque o sentimentalismo non resulta práctico. Para que nos entendamos, ás empresas que se encargaron da demolición das casas que había nese espazo -imaxes reais que se poden contemplar no filme de Huerta- lles importaba pouco a consecuente ruptura da estrutura social. A vulnerabilidade das persoas afectadas non tivo ningún peso cando se decidiu tirar con todo. Son estas pequenas historias, que a directora nos permite coñecer a través das entrevistas, as que conseguen tocarnos a fibra. 

Neste sentido, Huerta sitúase na liña da subxectividade para amosar o que sucedeu, sen ceder ante o relato oficial. Este xeito de narrar, que combina as vivencias particulares das mulleres que viviron nas casas destruídas, coas da propia directora e as do conxunto da cidade, coloca Esquece Monelos na liña dun cine político realmente potente e conmovedor. Lonxe pois do panfletarismo, propio do cinema militante, Huerta amosa a complexidade do sucedido, e, xa que logo, provoca a reflexión que busca, pois, de sermos minimamente audaces, asociaremos o que nos relata con algunha outra historia… 

Alguén lembra como se fixo desaparecer unha aldea enteira baixo as augas dun río para construír un encoro? Ninguén? Esquece Monelos é unha ficción realista sobre o carácter depredador do xénero humano, que consume, mancha e devasta o mundo natural porque non cre estar nel, mais sobre el.

Te puede interesar