Opinión

A Esther García del Barrio

Opinión

A Esther García del Barrio

Querería hoxe envíar unhas “letras” dende esta columna a Esther García, a moza de Madrid que tivo a afouteza de facer público o que lle aconteceu cunha das persoas que, imaxino, é dona do hotel asturiano ao que enviara o currículo. Parece ser que esta persoa lle recomendou borrar do historial a información referente ao dominio da lingua galega. Seica o dato era “del todo ridículo e innecesario”. Como é natural nunha persoa cun mínimo de luces, Esther ficou sorprendida ante esta exhibición de ignorancia e tomou a sabia decisión de dar a coñecer tamaña imbecilidade.

O tema circula por todas as redes sociais e ben está que así sexa, na medida en que reflicte á perfección o conflito lingüístico existente que se intenta silenciar. Á protagonista de tan penoso asunto considera que as linguas non deberían separar, mais arriquecer, pero non sucede así. O ideal nada ten que ver coa realidade, por moito que nos doia. Neste mundo estreito e, por momentos, máis e máis panoli, interesa tapar este tipo de problemas e manipular a realidade para amosar outra cousa diferente. O que? A mentira. Cal? A de que aquí, neste feble reino de taifas, vivimos nun bilingüísmo idílico e esplendorosamente demócrata. “Fixérase da verdade -escribiu Nietzsche- unha apariencia, e fixérase dun mundo completamente mentido, o do que é, a realidadade...”.

Efectivamente. A verdade, prezada Esther, é que neste “inferno de covardes” haiche moitas persoas que fan da verdade -a de que aquí, como moi ben dis ti, pouca xente fala galego-, unha apariencia -seica esaxeramos...-. Iso si, encargáronse ben de facer que o mundo mentido -o bilingüísmo harmónico- pasase por real. E así andan moitas persoas por estes lares, como a procesión dos caladiños, coa cabeza baixa e a lingua partida en dous, algo que adoitamos denominar diglosia. Na Galiza caníbal, hai quen aprende inglés, francés ou alemán cun estilazo de medo, mais o galego... Ai amiga!! Como que non!! Digamos que non lle dan collido o punto. Talvez sexa unha lingua moi complicada de aprender. Ou será de amar?

A verdade, o feito de teres dominio dun idioma coma o galego, que moitas persoas nacidas na Galiza non foron capaces de adquirir en toda a súa vida, deixa claro que es a persoa indicada para nos botar unha man coa dificultosa tarefa de aprender ás/aos galegas/os que falan castelán o idioma realmente propio. O que pasou en Asturias é bochornoso, mais, como non van pasar cousas así se non se educa na sensibilidade de defender e valorar o que temos? Se nós non lle damos ao idioma o alto rango que merece, como llo van dar os demais? E así andamos sempre, na lea.

Te puede interesar
Comentarios