Opinión

Estiu 1993, de Carla Simón

A lista de nominados aos Goya fíxose pública onte. Unha espléndida Bárbara Lennie -fantástica en “María y los demás” ou “Magical girl”- acompañada do suxerente David Verdaguer - “10.000 kms”, “Requisitos para ser una persona normal”, “Estiu 1993”- deron a coñecer unha serie de títulos, todos ben interesantes, que optarán a un Goya en diferentes categorías. 

Entre eles figuran, por exemplo, “Estiu 1993”, dirixido por Carla Simón que, entre outros, podería recibir o Goya á Mellor Dirección Novel, algo que, sen dúbida, celebrariamos moitas das persoas que vimos o filme. “Estiu 1993” é unha fita de sensibilidade exquisita que navega polo drama con humor e naturalidade, acadando un resultado ben interesante. 

As vivencias de Frida, esa dor contida ao longo da peli, os xogos que lle propón a súa curmá, unha nena aínda moi pequena, alén do desexo de ser centro de atención ante un pai e unha nai que xa teñen a súa propia filla, revelan, sen difraz, o sentimento infantil de separación que a protagonista experimenta. Frida non chega a sentirse parte dese núcleo familiar, malia o agarimo que recibe. Carla Simón consegue que sintamos con ela esa distancia, en principio insalvábel, existente nun microcosmos doméstico tan afábel, porque as intencións do seu tío e mais da súa tía son boas. Queren que Frida se sinta a gusto nesa casa, que xogue, que ría, que participe da convivencia, que se entregue á relación coral. Isto non acontecerá facilmente, porque esta rapaza obstinada está a vivir un proceso moi doloroso que non sabe ben como xestionar. Se enterarse da morte da nai xa foi moi impactante para ela, sobrepoñerse a iso e continuar con naturalidade devén aínda peor. O día a día de Frida é lento, rutineiro. No entanto, as súas ocurrencias provocan algúns momentos tensos, que, se ben no momento irritan á súa tía, causarán risa máis adiante. 

É esa idea da infancia coma un territorio explorábel, por curioso e tamén un pouco aterrador, a que me interesa. O coidado de Carla na expresión da afectividade, ao colocar cada emoción adecuadamente e sen sentimentalismos, permite que vexamos o punto de vista real de Frida. Aparece na súa mirada esquiva, na raiba contida, no que oculta: un profundo sentimento de angustia polo futuro… “I tú per què no estàs plorant?”, pregúntalle un neno ao principio do filme. Non responde, pero nós intuímos o que lle acontece, comprendemos que non pode. Entendemos que a vivencia desa dor é un paraíso amargo e descoñecido para Frida. Necesita tempo. Disporá de todo un verán para facelo.

Te puede interesar