Opinión

Estiu 1993, de Carla Simón

Estiu 1993, o primeiro traballo da directora Carla Simón, non deixa a ninguén indiferente. Premiado xa en diferentes festivais de cinema -levou, entre outros o Oso de Prata de Mellor Ópera Prima na Berlinale- vén de recibir o pasado sábado o Goya á Mellor Dirección Novel. A verdade é que Carla Simón entrou pola porta grande, coma quen di, mais os recoñecementos son ben merecidos porque a historia que nos ofrece consegue conmover dende a naturalidade das imaxes, que, en ocasións, semellan ser froito dun vídeo doméstico, moi ben levado obviamente, ata a sobriedade da interpretación. Tanto as actrices infantís Laia Artigas e Paula Robles, coma Bruna Cusí -no papel de Marga, polo que recibiu o Goya  á Mellor Actriz Revelación- ou David Verdaguer -Goya ao Mellor Actor de Reparto- conseguen introducirnos no contexto no que se desenvolven as súas vidas nese verán tan especial, o do 93. 

Estamos ante un drama familiar no que a sutileza do enfoque consegue manter a tensión narrativa en todo momento e mesmo pode arrincarnos algunha que outra risa. Que a fuxida de Frida -interpretada por Laia Artigas-, cuxo berce é claramente a angustia e mais o descontento da nena -nada que provoque risa en absoluto-, se vexa frustrada, porque nun determinado punto do camiño a protagonista sente medo -é noite pechada- e fica atordada ao non saber cara onde tirar, rompe o que en calquera outro filme sería claramente un intre dramático de certa intensidade coa resposta que a propia fuxitiva dá aos adultos. “Xa marcharei mañán”, exclama Frida ante a sorpresa do tío e mais da tía. Con esta frase e o conto que lle bota ao tema -en ningún momento recoñece que non tiña nin idea de que facer polo mundo adiante a esas horas- esta inmensa Frida, consegue que empaticemos con ela. Rimos entón, malia a tensión implícita que provoca esa actitude hostil cara á súa tía principalmente, e tamén, aínda que en menor medida, cara ao seu tío. Como contentar a Frida e recuperar a harmonía anterior á súa entrada na familia pasa por conseguir que se sinta parte de algo, pero iso levará o seu tempo, un tempo que esixe de Marga unha boa dose de paciencia e comprensión. 

A dificultade e inquietude que implica xestionar a displicencia da nena sen cabrearse forma parte dese realismo honesto que nos atrapa. Porque o fácil sería construír a tensión no drama que induce á rapaza a escapar, pero Carla Simón elixiu algo diferente, así é que nos coloca fronte ao  compoñente prosaico do tema. Estar a piques de perder os nervios, como está Marga nalgún momento, co carácter atravesado desta nena indómita, e, malia todo non perder de vista que o único que necesita e ser centro de atención para rachar a estraña sensación de desarraigo que, ademais de a separar do resto, aínda non pode descodificar. A impertinencia, a provocación, os desplantes e todo ese arsenal de presunta independencia do construto afectivo no que querería estar inserida, nacen de aí, da desolada experiencia de non se sentir querida. Aprender a aceptar o amor que lle dispensan, será un proceso longo que a cineasta catalá nos permite tan só imaxinar ao escoitar o berro da explosión final.

Te puede interesar