Opinión

Fernando Trueba: a polémica

A fita de Fernando Trueba opta a cinco nominacións aos Premios Goya 2017. Mellor Actriz (Penélope Cruz); Mellor Dirección de Produción (Pilar Robla); Mellor Dirección Artística (Juan Pedro de Gaspar) e Mellor Deseño de Vestiario (Lala Huete). Entre elas, como se pode observar, non figuran a de Mellor Director, nin a de Mellor Película. Á mellor dirección están nominados Juan Antonio Bayona, Alberto Rodríguez, Pedro Almodóvar e Rodrigo Sorogoyen.

Á mellor película? Un monstruo viene a verme, El hombre de las mil caras, Julieta e Que Dios nos perdone. Funcionou o boicot que se lle fixo ao filme de Trueba? Podería ser. Sen querer entrar en xuízos, porque, entre outras cousas, creo que iso de xulgar, nalgunhas ocasións, non obedece á obxectividade ningunha, mais a determinadas “manías”, teño a lixeira impresión de que a Fernando Trueba lle caeu un treboada innecesaria, na medida en que unicamente se utilizaron as súas palabras para “metelo en vereda”. Quero dicir con isto que non se entendeu o seu discurso. Consecuentemente, o resultado desas interpretacións foi unha morea de comentarios negativos que se convertiron en virais. Non só nas redes sociais mais tamén nalgúns programas de radio e televisión nos que a raiba era evidente. A raíz disto a fita non foi ben acollida polo público, que optou por non acudir ás salas de proxección para vela.

Non sei ata que punto a polémica suscitada polo cineasta, tras afirmar que endexamais se sentiu español, influiu tamén no momento de decidir non nominalo a Mellor Director. O que si teño claro é que, malia non ser o “Truebismo” un fenómeno viral, si se valorará La reina de España. É máis, moitas farémolo con entusiasmo. Sobre todo agora. Eu, polo menos, si quero vela. Primeiro, porque teño moi presente que Fernando Trueba é un director interesante -hai moito traballo detrás que corroborará o que escribo- e segundo, porque nunca me gustou o de facerlle o baleiro a ninguén. Daquela, éme absolutamente indiferente se ten ou non ten un sentimento nacional, porque son consciente de que as valoracións estéticas non se fan con criterios morais. De nos colocar nesa tesitura teríamos que botar por terra o traballo artístico de moitas persoas que, na súa vida persoal, amosaron actitudes penosas. Aí está o caso de Dalí, por exemplo, coñecido tamén como o Ávida Dollars polas súas inclinacións mercantilistas, alén da tendencia a se adscribir ás ideoloxías imperantes por interese propio, fundamentalmente de carácter pecuniario.

Trueba non quixo transmitir odio cando asegurou non ter un sentimento nacionalista. Simplemente pretendeu deixar constancia do seu desexo dun Estado Español máis aberto e poroso, capaz de dialogar con outras manifestacións culturais, procedentes doutros lugares, e flexibilizar así o discurso artístico inherente ás mesmas. Por esa razón explicou que lle gustaba moito o jazz, que non é precisamente de orixe española, e que admiraba tanto a Rembrandt como a Velázquez ou a Cervantes como a Shakespeare. Fíxoo, porque simplemente non participa dese sentimento identitario, co que asegurou, honestamente, ter serios conflitos. Entender esta ausencia de paixón pola identidade nacional española como algo “malo” faise tendencioso pola moralina implícita e nada ten que ver coa calidade do seu filme, que, co transcurso do tempo, será o máis visto de todos os seus traballos grazas á polémica que o arrodea. Neste lado do mundo somos así. Trueba podía, por tanto, ficar ben tranquilo na casa. Non tiña que xustificar nada, nin renegar do dito, pois o seu filme xa forma parte da historia. O mérito disto, alén do valor incuestionábel do director, atribuirémosllo precisamente aos detractores. Efecto boomerang? Seguramente.

Te puede interesar