Opinión

Filosofía nas aulas

Na opinión de María José Guerra “La Filosofía tiene un rendimiento transversal” porque permite formar e entrenar o alumnado na argumentación e na crítica. Isto está en relación directa coa capacidade de discernimento que cómpre desenvolver para diferenciar, entre outras cousas, aquilo que é xusto do que non o é. Esta necesidade urxente de fornecer a habilidade de razoar é beneficiosa para todas as persoas, independentemente da súa profesión. Daquela, considerar que só o alumnado de Humanidades ou Ciencias Sociais precisa do coñecemento desta materia é unha absoluta estupidez. Como pode alguén pensar iso tendo conta dos avances médicos e tecnolóxicos actuais? Aí está a Biotecnoloxía, que integra, ademais da investigación propiamente biolóxica -bioloxía celular, molecular, microbioloxía mariña ou bioinformática-, o uso de avances técnicos. 

A enxeñería xenética, por exemplo, ten que ver coa devandita Biotecnoloxía, que, en teoría, pode permitir  “mellorar a especie”. Mellorar a especie? A verdade, isto de pensar na manipulación xenética mete medo. Ata onde poderiamos chegar neste desexo de crear seres humanos perfectos? Ao respecto desta cuestión vén a miña mente a novela de Aldous Huxley: Un mundo feliz. Nela, o autor presentaba unha sociedade piramidal derivada da intervención xenética. Esta distopía literaria do norteamericano era bastante realista. Sobre todo se pensamos que xa se clonou unha ovella… A conclusión devén pois evidente: cómpre recoñecer abertamente a importancia da Filosofía como materia transversal para adquirir certa solidez ética e afrontar o futuro que nos agarda. 

Non esquezamos que o esplendor dixital está tan só nos seus inicios. Se alucinamos entón coa violencia verbal que se observa nas redes sociais e a cantidade de sandeces que se comentan algunhas veces, non nos queda nada por alucinar... Mellor ir preparando os bimbios para evitar esas distopías profetizadas por Huxley ou Isaac Asimov. Celebro pois con gran ledicia a obrigatoriedade desta asignatura en bacharelato. Un acerto enorme. Sen dúbida.

Te puede interesar