Opinión

Folga feminista

Acousa está que arde. A fartura experimentada pola violencia machista, alén da brecha salarial, da existencia do teito de cristal, ou da perpetuación de estereotipos sexistas e da carga excesiva que as mulleres soportan no ámbito familiar, tanto no que se refire ao coidado das crianzas como á realización das tarefas domésticas, son algunhas das razóns que sustentan esta convocatoria de folga. 

Despois do acontecido en Estados Unidos cos movementos Me too e Time’s Up, algo está a mudar realmente, algo que era necesario para dar un golpe na mesa. Este sector amplo de mulleres -actrices, realizadoras, directoras de fotografía, produtoras, críticas de cinema, guionistas- que, durante anos, aturaron o abuso de poder no seu entorno laboral, deron un paso adiante e decidiron facer público o que era un segredo a voces: o acoso que moitas delas padecen para poder desenvolver o seu traballo.

Que este grupo de mulleres estea a facer isto é moi importante para o feminismo, que, dalgunha maneira, botaba en falla unha participación máis activa pola súa parte. Ese lugar que ocupan, un lugar claramente privilexiado, dada a visibilidade de seu, vai ser moi útil para impulsar esta loita imprescindíbel pola igualdade. O momento que se está vivir é, polo tanto, ben interesante porque marca un antes e un despois no feminismo. Acabouse o conto de nos acusar de “feminazis oraculares” e gozar do aplauso da ranciada toda co que é, a todas luces, un mal chiste. Malo en todos os sentidos.

Malo porque nace dunha ausencia absoluta de audacia creativa e redunda no tópico, mais, por riba de todo, malo porque xorde dun sentimento negativo: o de esmagar calquera reivindicación mediante algo tan previsíbel como o “intento” -porque é tan só iso- de ridiculización. Aquí, nesta folga, están presentes todas as persoas que desexan mudar o machismo sistémico no que estamos inseridas, porque, unha sociedade na que existe violencia contra as mulleres é unha sociedade incivilizada, anacrónica e parasitaria. 

As mulleres somos a metade do planeta, así é que o que cómpre, é amosar respecto, e, consecuentemente, ir deixando sitio porque iso de nos manter en silencio, afastadas dos espazos públicos, vai chegar ao seu fin. Neste contexto, declaracións desafortunadas como as de Luz Casal son ben hilarantes, e, sexamos comprensivas, aportan a nota de humor á cuestión.

Botar pois unhas risas á conta do comentario “naïf” da artista galega -seica non pode facer folga porque “ten que traballar”-, polo menos dá para unha boa clase de historia, porque, non sei se ela é consciente, pero ningunha folga podería levarse á práctica se se pensase na necesidade de traballar. O éxito dunha acción coma esta radica na xenerosidade das persoas que, en beneficio da comunidade, deixan de pensar nos propios intereses e poñen o seu gran de area. Temos que traballar? Si, pero hoxe eliximos secundar a folga.

Te puede interesar