Opinión

Gamoneda e Tembrás

Esta semana o ciclo Poetas (d)in-versos, celebrado en A Coruña e coordinado por Yolanda Castaño, contou coa presenza da poeta galega Dores Tembrás (Bergondo, 1979) e o recoñecido -tardíamente- Antonio Gamoneda (Oviedo, 1931). Foi este, sen dúbida, un encontro emocionante, aplaudido por todo o público que acode regularmente a esta cita mensual coa poesía. 

A verdade é que recibir a Antonio Gamoneda é unha honra que cómpre valorar e agradecer a Castaño, que, dende hai xa uns anos, organiza este ciclo de recitais tan interesante polo que xa pasaron voces destacadas da poesía galega e doutras nacionalidades. Imaxino que Dores Tembrás desfrutou moito a oportunidade brindada por Castaño, porque participar nese diálogo cun poeta como Gamoneda, ha ser un deses momentos intensos que Tembrás lembrará durante anos. Do mesmo xeito que o “Príncipe Negro”, como lle di Ferrín, será ben consciente de que tivo ao seu carón unha voz sutil e poderosa, que pode estremecernos con eses “anacos de louza” ou “pezas descunchadas, inmóbiles”, no interior dunha casa na que descubrir o tempo suspendido,  a anterioridade exposta nunha vitrina, nas  “estampas de mortos”, “no sabor inconfundíbel da sopa”… Eses lugares retratados coa exactitude ben medida dunha palabra precisa fanse visíbeis para nós nas liñas dos textos da escritora galega. Tembrás amorea  instantes, emocións breves pero intensas. Debuxa o tempo cos seus aromas e sabores, así é que a delicadeza é o seu territorio poético máis significativo. Tamén o espazo de intersección que partilla con Gamoneda, que, con suavidade firme, se achega a cuestións inquietantes relacionadas coa vivencia dese tempo experimentado por medio de visións fugaces coas que transmite a inconsistencia desta estraña dimensión. 

“Hubo un tiempo en que mis únicas pasiones eran la pobreza y la lluvia./ Ahora siento la pureza de los límites y mi pasión no existiría si dijese su nombre”. Aí están o pasado -hubo un tiempo-  mais o presente -agora-, alén dese desexo de non citar a quen lembra, esa presencia intanxíbel: a materia amada que perdería a aura de seu se a nomease. Mellor permitir que a brétema envolva a memoria do frío. Moito máis suxerente imaxinar o regreso da intensidade co propio recordo, que, por un intre, parece repetirse, unha e outra vez, nunha dimensión diferente na que o instante figura suspendido e pode o poeta revivir a emoción. O lugar do acontecer pode ser unha casa vella que se visita nun momento dado. Tamén a lembranza dese espazo invisíbel en que o amor se produce. Dúas visións delicadamente duras, as de Dores Tembrás e Antonio Gamoneda. Dous xeitos de rescatar o instante: unha poética de territorios invisíbeis que configura o tempo sentido a través da propia pel. A suavidade expresiva no “Libro del frío”, o que hai de evanescente en “O pouso do fume”. Coarse nos corredores da transparencia e deixarse ir. Para gozalo con calma.

Te puede interesar