Opinión

Girl: unha adolescente atrapada

Avida de Lara -interpretada por Victor Polster- en Girl, a primeira fita de Lukas Dhont (Gante, 1991), recolle parte da experiencia vivida por Nora, unha adolescente trans que conseguiu facerse un oco como bailarina malia os obstáculos que tivo de afrontar. Dhont, que acaba de entrar pola porta grande co seu filme no pasado festival de Cannes na sección “Un certain regard”, ao levar os Premios Fipresci -Mellor Interpretación e Mellor Ópera Prima-,  ha estar ben satisfeito deste logro. Compréndese. Sobre todo porque a valoración do filme non se cingue a Europa. Girl é candidata ao Oscar á Mellor Película Estranxeira. Non creo que Lukas Dhont puidese imaxinalo no 2009, cando soubo da existencia de Nora. Isto si que é chegar e bicar o santo. Como para non estar contento! No entanto, malia toda esta voráxine mediática que arrodea ao filme, dado o tema e a calidade de seu, existe un lado menos amábel na recepción do mesmo. Refírome á polémica ao respecto da selección do actor, que é un home cis, algo que incomodou a moitas persoas trans, e á que lle deberiamos dar maior visibilidade, porque, á marxe de que o filme sexa moi bo e a interpretación de Victor Polster se achegue á excelencia, non deixa de chamar a atención que non se teña escollido unha muller trans para desempeñar este papel. 

Xa sabemos que para interpretar a un cura, un asasino ou un violador, non é necesario selo. Atá aí chegamos, pero tamén é certo que as persoas trans están a saír do armario nestes últimos quince anos, e, con toda a razón, esixen que se visibilice a súa existencia. Neste sentido, ao non estar normalizada aínda a situación, non me parece en absoluto comparábel  a non necesidade de ser cura para interpretar o papel dun cura, coa non necesidade de ser unha muller trans para interpretar a unha. 

Estamos no inicio dun cambio de paradigma -menos mal!- así é que, polo de agora, sería ben máis interesante que non nos apropiásemos do problema destas persoas e facernos a un lado para que elas mesmas expresen o que lles apeteza. Tendo conta disto, hai algo que ensombrece os logros de Lukas Dhont. Daquela, por moito éxito que teña, non me parece nada envexábel a súa posición. Mellor lle tería sido tomar nota de Sebastián Lelio que si contou cunha actriz trans -Daniela Vega Hernández- para o seu marabilloso filme Una mujer fantástica. Definitivamente a delicadeza é un bo medidor da intelixencia. Isto tamén urxe visibilizalo.

Te puede interesar