Opinión

Gloria machista

El, tan fuerte mientre lorando, tornava la cabeça e estava la catando. A quen? A Cristina Hendricks, “la de las tetas grandes”. Vaia, mellor matizo a cousa. Catar, o que se di catar, non catou nada. Nin tampouco non estaba só. Acompañábano “los compadres habituales”. Pero, que compadres son esos? Pois nin máis nin menos que os rutilantes Antonio Lucas, Edu Galán, Manuel Jabois e David Gistau. Ben, este último non estaba realmente, mais o clarividente Reverte incluiuno no relato. “En realidad Gistau no estaba esa noche, pero da lo mismo. A efectos de la narración, estaba. Me lo invento y no pasa nada”. Por certo, a rima interna -e pesada- é casual, presumo, porque se agora Arturo Alatriste tamén se anima co verso, xa podemos prepararnos. En fin, Monsieur Reverte ha seguir así, pisando fuerte mientre, que é o seu. A quen me gustaría verlle a cara é a David Gistau, que seguramente quedou moi agradecido de que puxese na súa boca sandeces que non dixo.

Sen dúbida ha rir a cachón... Ao caso, estes señores, algúns deles cipotudos, tanto na propia vida -seica Jabois ten “gran potencia sexual”- coma na escrita -léase o artigo “En la era de la prosa cipotuda”, de Íñigo F. Lomana, investigador e profesor no Departamento de Literatura Inglesa de la UCM-, experimentaron certa frustración ao non conseguir que Cristina Hendricks, a actriz da fantástica serie Mad Men, aceptase facerse unha foto co potente Jabois. Como puido caer tan baixo esta muller? Como se permitiu rexeitar a Jabois, un ben escaso que irradia sexo e leva no curriculum un feixe de mulleres que sustenta as “gestas” do seu glorioso pene nuclear co que traslada á escrita tanto polvo a deshora, tanto desmaio? Cómo? Joder, como dirían estes cipotudos, a Hendricks pecou de prepotente. Mira que pasar dun tipo como Jabois! É realmente inexplicábel. Sobre todo se temos conta de que está tan bo que ata as cascudas queren follárselo, como diría Bukowski! Sobre Pérez Reverte, el que en buen hora cinxó espada, tan políticamente ubicado no sistema, gustosamente indelicado, de voraz intento incisivo, con ese afán de convencer a quen se lle poña por diante da súa presunta rebeldía, que podemos dicir? Ren. Unicamente, que fuerte mientre lo flipamos coa cara que ten, de se pretender un outsider incomprendido. Alatriste alucina de los ojos, mal fabla de la boca e mal escribe de las manos na súa cipotuda columna vertical. Porén, como está encantado de coñecerse e non fai, nin pensa facer, autocrítica ningunha, cre o máis cómodo para el.

O que exactamente? Que dicimos estas cousas pola raiba de non ter un Jabois na nosa vida, que non sabemos levar unha broma, que non aceptamos a súa liberdade de explosión verborreica bidimensional, que esaxeramos… Señor Reverte, Cristina Hendricks é unha actriz cunha vida propia que elixe con que saír nunha foto e con quen non. Que a vostede e aos seus rutilantes amigos non lles dedique nin un minuto do seu tempo de lecer é comprensíbel. Se non fosen tan prepotentes se limitarían a cear e nin se ocuparían da xente da mesa do lado. No entanto, o feito feito está. Vostede xa escribiu cousas deste estilo máis veces. Daquela, a fama de rancio estendéuselle como a pólvora. Pero a usted, cráneo privilegiado, esto le pone, verdad?

Te puede interesar