Opinión

Grazas a Ozon

François Ozon volve sorprender. Faino cunha proposta diferente que deixa ver, unha vez máis, a súa versatilidade creativa coa que se coloca nun lugar, en certo xeito, inclasificábel, algo ben interesante. 

No canto de se acomodar nun nicho concreto -o do cine queer, por exemplo-, decide arriscar e aborda, desta volta, un tema distinto a todos os tratados anteriormente. Grâce à Dieu nada ten que ver con 8 femmes (2002) -un thriller inusualmente divertido-, nin con Jeune et jolie (2013) -un retrato incómodo dunha adolescente que nos traería á memoria outra, a Violette Noizière (1978), de Chabrol, interpretada por Isabelle Hupert- ou con Dans la maison (2012) -inquietante no contido e na forma de seu- e Une nouvelle amie, certamente fresca e luminosa. Tendo conta disto, quen compara a Ozon con Almodóvar ao poñer o foco no gusto polo travestismo que deixan ver ambos os dous cineastas a través dalgúns personaxes, está a simplificar bastante. Ozon non só é moito máis versátil, tamén ten unha visión crítica máis aceda, que arremete directamente contra a sociedade benpensante. Alén disto, non creo que Almodóvar sexa o director que Ozon ten en mente cando realiza un filme, mais outros ben diferentes como Buñuel ou Hitchcock. Do primeiro recolle o carácter incómodo que representan os personaxes dadas as situacións insólitas nas que o realizador decide colocalos. Do segundo, o suspense que podemos aprezar en Une nouvelle amie, Dans la maison ou L’amant double… 

Agora ben, nesta ocasión o francés presenta un filme con vocación documental no que o rigor e a sobriedade son centrais. Grâce à Dieu faise eco dun caso de gran repercusión mediática en Francia: as denuncias de pederastia contra o reverendo Bernard Preynat e as acusacións de complicidade do arzobispo de Lyon, Philippe Barbarin, que ocultou os feitos durante anos e permitiu entón que Preynat seguise a traballar preto de nenos pequenos. Nada que ver entón co cinema queer no que Ozon podería encasillarse, principalmente por ser moi cómodo iso de dar cunha mina e explotala ata que non quede nada que extraer do seu interior. Hai quen o fai. Evidentemente non é o caso de François Ozon. Sabedor de que o mundo é moi ancho, o francés indaga sobre o que sucede ao seu redor para poder abordar diferentes temáticas e medrar como director con cada filme. Tanto é así que cando imos ver un traballo seu, endexamais temos claro que nos imos atopar na sala de cinema. Por iso nos gusta tanto, porque nos sorprende e seduce co seu xeito de narrar.

 Creo que Ozon ten algo de “tramposo”. Gústalle xogar e descolocar o público. Grazas entón a el por nos brindar tan bos momentos nas salas. Momentos intensos, divertidos, inesperados, incómodos… Cine puro.

Te puede interesar