Opinión

Identidade

De pequeno Audrey Carsons quería ser escritores porque escritores eran ricos e famosos. Lacazaneaban por Singapur e Rangún fumando opio con traxes amarelos de seda salvaxe...’. Igual que Carsons Audrey, nós tamén arelamos vivir ben e relacionarnos. Burroughs retrata parte do subconsciente colectivo nesta frase, recolle intelixentemente unha parcela íntima que sempre intentamos tapar porque sentimos un pudor inmenso só de pensar que o que realmente queremos, moita veces, é non facer nada, a ‘dolce vita’, folgar como aqueles pastores de Jorge de Montemayor, entregados a un único labor: amar a Diana.


Así, no tempo de lecer, do mesmo xeito que Silvano, Sireno ou Delio concentrámonos na pura sensualidade, no vaporoso asunto de envolver o propio corpo noutro diferente... É o tempo quen nos condiciona, demasiadas horas sen faenar. Non temos o costume do zangoneo e recoñecer certa preguiza constitúe unha vergoña. Sentímonos culpábeis. Por iso as restriccións, os límites e, de aí, a mentira. Así que, tendo en conta o dito, se o increíbel Burrouhs vivise por aquí, na Galiza, ben podería ter escrito algo así: ‘De pequeno Xan Rosende quería ser políticos porque políticos eran mentirosos e famosos. Facían e desfacían pola Galiza, catando viños, metidos en traxes escuros coma eles...’. Ou tamén, ‘de pequena Xiana Rosende quería ser homes porque homes eran infieis e felices. ‘Ou senón’, de pequena Xiana Rosende quería ser amantes porque amantes non aman. Fozan nos labirintos do corpo alleo e senten e vibran e matan’.


Hai tantas pulsións controladas nas calexas do cerebro humano, tanto e tan descoñecido, que sorprende a soberbia coa que certas persoas ousan adiantar cal sería exactamente o propio comportamento -partindo de criterios morais, claro- en hipotéticas situacións de ‘perigo’. ‘Eu nunca o faría’ ou ‘eu xamais soportaría iso’ ou tamén ‘eu non me implicaría emocionalmente cun/cunha amante’.


Así, ante tan desbordante asertividade, eu, que fun bastante impresionábel de cativa, vivín centos de decepcións, unha tras doutra, agardando que a devandita firmeza proclamada se materializase. Practicamente nunca sucedeu o vaticinado polos autores das frases en cuestión. Máis ben todo o contrario e, sinceramente, visto dende a perspectiva que proporciona o tempo e a humilde experiencia acumulada, caio na conta de que non existen certezas, só unha brétema lixeira e amplos camiños por recorrer onde escribir quen somos. Todo depende da elección. Fácil ou difícil. ‘Ser escritores, políticos, homes ou persoas?’. Que queres ser ti?

Te puede interesar