Opinión

L´avenir

Mia Hansen é unha directora singular. Despois de Todo está perdonado (2007) ou Eden (2014) a parisina nos agasalla coa súa última fita, L' Avenir. Esta vez, a historia está centrada nunha muller madura, Nathalie -interpretada por Isabelle Huppert, fantástica por certo- que, de socato, ve como o seu estilo de vida burgués se derrumba, ou, polo menos, perde un pouco o seu sentido. Ata aquí todo dentro do esperábel, mais, o interesante da fita, se nos cinguimos á narración, non é esa dor que a aflixe, mais a maneira en que decide afrontala. Nathalie é unha profe de filosofía, casada e con dous fillos, que mantén, ademais, unha relación tensa coa súa nai, unha muller moi posesiva. Afeita á sensación mortecina de repetir sempre o mesmo, esta profesora ve como o seu glorioso existir rutineiro se rompe, e, dun xeito forzado, recupera unha liberdade coa que non contaba - “J'ai trouvé ma liberté, une liberté totale. C'est extraordinaire”-, así é que o enfoque co que decide facerse cargo da nova situación non é o que habitualmente poderiamos atopar noutros filmes. 

Nathalie ve algo positivo en todo o que lle acontece. Non se vitimiza, nin considera necesario “refacer a súa vida”, porque entende que tampouco é que estea desfeita. Simplemente mudou. Tendo conta desta percepción racional do asunto, no canto de se lanzar nun ronsel de actividades, para superar o sucedido, decide estabelecer un diálogo consigo mesma e buscar dentro a Nathalie durmida, para sacala de aí e flexibilizala. Esta honestidade con ela propia, sen acusar a ninguén dos pequenos problemas que a agobian -máis se perdeu en Troia-, permítille abrirse ante un porvir, que, obviamente, non pode imaxinar como será. Si intuílo, porque, de termos consciencia da propia responsabilidade ao respecto do que nos sucede, é posíbel elixir algún camiño distinto para non repetir os mesmos erros. Foi un desacerto casar? En absoluto. Enganouse talvez ao asumir e aceptar a fraternidade como substituto do amor, porque, dentro do seu sistema de crenzas, este sentimento poderoso devén niso co paso do tempo? Ou a equivocación radicou unicamente na consideración, implícita, de que algo tan forte non podía rematar e instalarse comodamente na dependencia do outro? Non houbo ningún fallo? Estas son algunhas das cuestións que se observan na actitude de Nathalie ante o seu pequeno imperio de certezas que se desmorona. 

Faise pois agradábel ver outro xeito de enfocar as perdas, un enfoque no que iso de “refacer a vida” con outra persoa carece de sentido, porque o que cómpre é continuar, permitir que a devandita vida nos sorprenda e perder o medo aos cambios. Hai algo positivo nesta historia que chega, dalgunha maneira, a atraversarnos. Polo menos un pouco. Ese algo está non só no enfoque diverxente dos problemas, mais no propio sentido do humor e na humildade que amosa a protagonista, capaz de escoitar unha crítica e cuestionarse a si mesma. Por iso, esas conversas co seu ex alumno, que a acusa da súa “petitesse bourgeoise”, fanse ben interesantes, como a presenza de Pandora, unha gata que, en certo xeito, actúa como alter ego de Nathalie, pero moito máis libre. De feito, creo que poderiamos considerar que esa tendencia á liberdade do animal é inversamente proporcional á inhibición de Nathalie, que quere soltarse, mais non sempre o consegue. Ao respecto disto, hai un par de escenas ben reveladoras a partir da fuxida de Pandora, que, de socato, marcha da casa e se lanza ao bosque, unha metáfora da desorientación da propia Nathalie, que chama pola gata continuamente, para que regrese. 

Xusto nese momento comprendemos ata que punto o novo espazo de incertezas, ese no que todo pode ser cuestionado, mantén á muller sempre diante do que cre un abismo e do que lle resulta difícil saír. Ela sábeo. É esta consciencia da propia limitación a que lle permitirá adentrarse no bosque para vivir. Non a pesar de todo, mais por riba de todo. Sen necesidade de responder ante unha moral burguesa, por moito que seduza co seu encanto aparente. Por que? Porque, talvez, ademais da condescendencia que a caracteriza cando “desculpa” o que considera unha saída de ton ou cando “castiga” co seu ollar inculpatorio, atoparemos unicamente muros de incomprensión e unha chea de incoherencias. Nathalie ten máis nivel que todo iso? Nada mellor que ver a peli para sabelo.

Te puede interesar