Opinión

A lectura en tempos de cólera

Pode un tipo que fai pizzas escribir unha obra mestra da literatura? Eis unha pregunta curiosa que apareceu nalgunha das reseñas sobre o último filme de Rémi Bezançon: La biblioteca de los libros rechazados. A devandita pregunta, malia sorprender un pouco fóra do seu contexto, ten moito sentido. Sitúemonos nunha singular biblioteca que custodia nun cuarto vello unha morea de libros rexeitados polas editoriais; pensemos na aparición nese espazo dunha novela de calidade exquisita, asinada por un tipo que se dedicou toda a vida a facer pizzas; contemplemos a posibilidade de que a descubridora da citada novela -unha xove editora- decidise publicala e que, despois disto, a novela en cuestión pasase a ser considerada unha obra mestra... Habería ou non habería sorpresa? Imaxino que si. Eu, polo menos, si me sorprendería bastante. Tendo conta disto, despois de ver  o filme, pregunteime se algo así podería suceder na realidade e como nos afectaría. Cheguei á conclusión de que si. Podería suceder. De feito xa aconteceu algo parecido con Pessoa, un escritor inmenso -dos mellores poetas do século XX, en palabras de Harold Bloom- que pasou inadvertido en vida para a crítica literaria. 

Daquela, e dado o pouco que aprendemos dos propios erros, poderiamos perfectamente volver repetir algo así con calquera outra autora. Ou autor. O que xa non imaxinariamos non é tanto que esa autora ou autor fose un cociñeiro, mais que non tivese lido nada aparte de receitas en revistas de cociña. Por iso a pregunta de marras -Pode un tipo que fai pizzas escribir unha obra mestra da literatura?- resulta tan interesante, pero imprecisa. Eu preguntaríame máis ben se “pode” un tipo que fai pizzas ter tempo para formarse e ler libros que favorezan e fornezan o seu talento. Faise importante matizar isto, porque non é só a profesión a que determina a vida das persoas, mais a clase social á que pertencen, que é unha condición previa. 

Alguén que carece de tempo material para formarse dubido moito que poida relaxarse lendo a Georg Trakl ou Pushkin e escribir unha novela ateigada de referencias literarias coma esa que aparece na biblioteca da película. Por que lle vai inquietar o que escribiron Pessoa, Dickinson ou Joyce a unha persoa que vive en condicións precarias e ten tantos problemas que resolver? Como moi atinadamente escribiu o poeta Joseba Sarrionandia, “Que le importa al muchacho torturado/ si el poeta es un fingidor?/ (…) ¿Quién es Michel Foucault para quien se consume durante diez meses en celdas de castigo?”. 

Somos tan hipócritas ás veces! Por iso o protagonista deste filme -un insolente na opinión do resto de personaxes- resulta tan interesante, porque é o único que decide non crer na autoría De Henry Pick -o home das pizzas- e inicia unha intensa investigación ata averiguar quen escribiu realmente  esa novela. Se ademais o insolente en cuestión é interpretado por Fabrice Luchini, que máis se pode pedir? 

Te puede interesar