Opinión

Ledicia Costas en Valdeorras

Yo no leo libros en gallego porque el gallego me da sueño”. A escritora Ledicia Costas transcribiu no seu twitter o que, segundo explicou despois no mesmo chío 

-“De como unha alumna de segundo da ESO aniquila a unha escritora cunha soa frase”-, lle espetou unha rapaza de Valdeorras. A verdade é que este tipo de declaracións, alén de resultar desalentadoras para o profesorado, moito non me sorprenden. Isto é o máis triste de todo, a ausencia de sorpresa, que, obviamente, procede do coñecemento que todas as persoas temos do que acontece co galego. O natural sería que, á marxe da irritación lóxica que isto suscita, alucinásemos e nos levásemos as mans á cabeza como fariamos se a frase fose a seguinte: “Eu non leo libros en castelán porque o castelán me dá sono”. Se a rapaza dixese algo coma isto que acabo de escribir seguro que si nos sorprenderiamos. Sei que Ledicia Costas, unha escritora moi querida de nenos e nenas, sabe como está o asunto do idioma e non interpretou esta desafortunada declaración coma un ataque persoal. No entanto, o carácter penoso da devandita frase non vai desaparecer por esa razón, nin tampouco non porque sexa algo frecuente. Lembremos que “frecuente” non é sinónimo de “normal”, por moito que teñamos asumido o menosprezo que recibe o galego “normalmente”. Tendo conta disto, paréceme ben interesante que Costas dese a coñecer o feito e poña novamente enriba da mesa o conflito lingüístico existente. Imaxino que alguén lle terá que explicar á nena en cuestión que todos os idiomas merecen respecto e consideración, porque educar non consiste en transmitir información. Iso pode facelo a wikipedia. Educar é un labor moito máis difícil. Trátase, fundamentalmente, de extraer algo construtivo do interior da xente. Todo o profesorado sabe que construtivos son, poño por caso, valores como o respecto polas culturas, linguas, xéneros ou razas. Da mesma maneira é positivo, alén de fortalecer as persoas. traballar a autocrítica para adquirir un mínimo de integridade, e, consecuentemente, de honestidade e solidariedade... Apréndese isto cando se fala nas aulas dunha materia en concreto? 

Esta é a pregunta que toca. Sobre todo nesta era do esplendor dixital, onde algo tan prosaico como a devandita wikipedia e o popular “rincón del vago”, por exemplo, parecen poder substituír o noso labor docente. Uso o verbo  “parecer”, porque non considero real esta percepción na súa totalidade, dado que nin a wikipedia de marras, nin todas as outras páxinas que adoitan dispensar información, dispoñen de trazos humanos -imprescindíbeis nisto de educar- como a empatía, a delicadeza ou a simpatía.  Alguén ten moito traballo que facer con esta rapaza para extraer do seu interior a luz suficiente e conseguir que desenvolva características ben interesantes como a delicadeza, porque hai que ser ben bruta para espetarlle a unha escritora un comentario tan desagradábel cando vén de visita a un centro. A verdade é que estaría máis guapa calada e alguén debería facerllo saber. Do mesmo xeito, tamén resultaría moi educativo contarlle que un filme rodado en galego - “O que arde”, de Oliver Laxe- participou hai unha semana nun dos festivais máis prestixiosos do mundo e conseguiu premio! Se Laxe tivese pensamentos “limitantes”, coma este da nena, non tería realizado este filme, e, seguramente, sería un tipo mediocre. Menos mal que alguén, nalgún momento, quitou do seu interior esa bondade que desprende o seu ollar.

Te puede interesar