Opinión

A liberdade de conciencia

A liberdade é un valor de importancia innegábel que nos permite tomar decisións, facer escollas. Iso si, para escoller, cómpre a existencia de diferentes opcións. Agora ben, tamén poderiamos, en principio, non escoller nada, mais, incluso neste caso, no de non escoller, estamos tomando unha decisión: a de non movernos do marco mental no que estabamos e permanecer nel. Moitas veces esa “non-escolla” vén determinada por unha certa inseguridade que pode derivar dun descoñecemento da existencia doutras posibilidades. Así, por exemplo, se pensamos nun sistema de crenzas relixioso, ben podería acontecer que nos quedásemos co culto no que fomos adoutrinados/as, porque ignoramos todo dos outros, ou, simplemente, pola comodidade de quedar co que coñecemos. Sen máis. Este podería ser o caso dun gran número de persoas que se definen como “católicas non practicantes”. 

Que siginifica isto? Pois isto significa, máis ou menos, que non acoden ás celebracións semanais de misas, poño por caso, mais si aparecen na Igrexa para bautizaren as crianzas ou casaren. Sen animo de xulgar a ninguén -cadaquén coa súa conciencia- por un comportamento que pode semellar un tanto errático, si me gustaría que a reflexión sobre o feito de impartir relixión nos centros de ensino público puidese substraerse de incoherencias. O realmente interesante non é convencer a rapazallada do culto que cómpre practicar. Moito menos da supremacía dunha relixión sobre outra. O importante vén sendo que, ademais de coñecer todas as relixións existentes, sexan conscientes do xeito en que estas determinaron o funcionamento político, social e cultural dun país, isto é, da existencia dunha ideoloxía implícita. O que se necesita entón é xerar conciencia crítica para construír un pensamento propio. Conseguilo pasa por colocar enriba da mesa as diferentes visións do mundo e analizalas polo miúdo, pois a decisión de ser católica, protestante, xudea, musulmán, ou, pola contra, atea ou agnóstico, sería moito máis sólida de terse analizado o feito relixioso seriamente. Non coñecer a historia do catolicismo ou do budismo, por exemplo, dificulta a comprensión do mundo en que ambas as dúas relixións se practican . 

Por esa razón, o seu estudo faise ben enriquecedor se a perspectiva é laica, pois é esa distancia implícita no laicismo a que favorece unha observación atenta, seguida dunha análise minimamente rigorosa do devandito feito relixioso e do seu poder, non só económico e político, mais tamén simbólico. Na transmisión das distintas crenzas cómpre certo equilibrio para non caermos xamais en fundamentalismos relixiosos, que, como podemos comprobar, xeran tanto conflito.

Te puede interesar