Opinión

Leccións de beleza

Delirante. O do señor Espinosa pasa xa de castaño escuro. Iso de cualificar as políticas polo xeito de vestir e polo seu físico é absurdo, mais, por riba de todo, machista . Agora ben, sorprender non sorprende en absoluto, porque o machismo é a liña do seu partido. Non me gusta nada Albert Rivera, mais, neste caso, coido que leva razón cando responde a esas estupideces de Espinosa referidas ás militantes de Cs - “van (…)  y con chicas jóvenes”- que o que cómpre é falar de ideas -as de Rivera son as que son- e deixar de facer comentarios machistas. Obvio. Ou non tanto, porque Espinosa, despois de indicar que retira o comentario para calmar os “ofendiditos”, volve incidir no asunto e empeora a cousa aínda máis. 

Voluntariamente, conste. “Si les ofende, lo retiro -anunciou nun principio, para continuar seguidamente nunha liña corrosiva-, porque en el fondo no quiero que se piensen que son tan guapas: las guapas de verdad -hainas de mentira?- son las que tenemos en Vox -aí aí, que non flipen tanto as mulleres do partido laranxa- . Son mucho más guapas las nuestras -atención ao posesivo e ao de citar nomes para darlle peso ao seu “argumento” tan pertinente para a actualidade política- Rocío Monasterio, Reyes Romero, Macarena Olona, Malena Contestí...”. Aí parou. Nomeou só catro mulleres. Non porque non haxa máis, senón para non “abrumar” a Rivera. De todas estas declaracións tan relevantes inferimos que Espinosa “sabe” de que vai isto de ser ou non guapa, así é que ben se lle podería convidar a abandonar a política e achegarse ao mundo dos concursos de beleza, dado o seu refinado criterio para valorar o grao de fermosura das mulleres. Tamén lamentamos que non nos dera claves para recoñecer o atractivo físico -o de verdade- dos homes. Será que non posúe a mesma “capacidade intelectual” para valoralos fisicamente? Pregúntomo porque sobre eles só comentou algo referente o “look”. Que se levan garavata, que se van ou non afeitados… Pouca cousa, señor Espinosa. Moi cutre. Deléitese e coméntenos como están os “chicarróns” do seu partido. Son tan guapos como as chicas?. Non se corte e largue por esa boca. 

Sexa políticamente incorrecto e aclárenos algo determinante nas nosas vidas, que estamos todas atentas aos seus vastos coñecementos sobre o particular. A ver, están ou non están bos os homes de Vox?; son novos ou vellos?; son máis guapos que os do partido de Rivera? É que necesitamos saber isto xa porque falta pouco para as eleccións e o que queremos son tipos cachondos que nos gobernen. Agardamos que faga o demandado axiña, pois se fai urxente darlle candela ao tema. A verdade, hai que recoñecer que o esperpento de Valle-Inclán quedou superado coas aportacións de Espinosa. Estamos ante un debate de altura. Só queda coller unhas palomitas, algo de bebida e sentar no sofá para ver o circo.

Te puede interesar