Opinión

María (y los demás)

Cinco anos lle levou a Nely Reguera (Barcelona, 1978) sacar adiante a súa primeira longametraxe María (y los demás), pero pagou a pena. A historia de María, unha espléndida Bárbara Lennie (Madrid, 1984) que repetiu nominación ao Goya a Mellor Actriz Protagonista este ano -xa  estivera nominada no 2014 polo seu papel en Magical girl, de Carlos Vermut-, é ben interesante. Nela, a cineasta catalana non só reflicte a problemática dunha xeración, que anda agora na treintena, mais a de toda unha familia, independentemente da idade. Vemos entón un pai viúvo que delega na filla a responsabilidade de soster os vínculos entre os irmáns, alén de coidar del, algo que ela fai con abnegación, pois vive con gran preocupación a enfermidade que padece o seu proxenitor. 
Estamos ante unha xove que habita entre dous mundos, o real e o que imaxina. No mundo que fabrica na cabeza, esa realidade mediocre, máis padecida que vivida, se presenta claramente mellorada.

Nela, María é xa unha escritora consagrada, segura dela mesma e admirada do público lector. Moi atinadamente Nely Reguera decidiu filmar esas ensoñacións quixotescas, e, ao contrastalas co mundo real, conseguiu xerar unha curiosa comicidade que agradecemos moito. Iso si, este xogo de oposicións, entre realidade e ficción, está ben medido, así é que non cae en nigún momento na caricatura. Agora ben, non só destaca a sobriedade narrativa xeral mais a naturalidade coa que flúen as conversas. Aprezamos isto nidiamente na comida familiar, por exemplo. Esta ausencia de artificio nos diálogos e o ritmo pausado da fita -moi na liña de Éric Rohmer- revela un traballo minucioso de preparación das escenas, que se rodaron sobre unha base de interpretación sólida, pautada de antemán con ensaios incluídos.

Cada actriz e actor tiña pois moi claro o lugar dende o que falaba e a actitude que debía amosar en cada momento. Isto deu como resultado un labor de conxunto impecábel que converte esta modesta historia nunha delicatessen ben merecedora de eloxios que ha provocar máis de un riso no público, ao que se lle permite contemplar con humor, insisto, todas esas expectativas da sociedade moderna, que, loxicamente, non sempre podemos nin queremos cumprir. 
Non debería entón pillarnos por sorpresa a morea de nominacións que este traballo de Nely Reguera vén de recibir nesta décimo quinta edición dos Premios Mestre Mateo, dos que agardamos consiga varios. Haberá que esperar ao vindeiro 4 de marzo para saber o que acontece.

Te puede interesar