Opinión

Meritxell Bosh: Yo, gorda

Meritxell Bosh, a ilustradora catalana nominada ao Eisner no 2015 por BirdCatDog, con guión de Lee Nordling, acaba de sacar á luz o cómic “Yo, gorda”, unha historia sobre as súas vivencias relacionadas co sobrepeso. Na liña de autoras como Parsua Bashi -Nylon Road- ou Satrapi -Persépole-, Bosh propón tamén un relato autobiográfico, que, no seu caso, aborda un aspecto ben concreto: o corpo feminino como combate. A protagonista destas viñetas é unha moza gorda, con problemas de autoestima que padece, ademais, bulimia e sofre a marxinación da xente do seu entorno. Meritxell amosa pois a secuenciación desa violencia estrutural e perversa que entra de cheo na vida íntima das mulleres de todas as idades. Porque ser gorda é malo sempre. 

Dá igual ter vinte anos que cincuenta, na medida en que se considera a obesidade unha proba evidente de irresponsabilidade e abulia. Que podemos inferir de todo isto? Nada bo. Por unha banda, batemos de fronte coa pesadez da moralina implícita neste tipo de xuízos que, de tan interiorizados como os temos, poden semellar espontáneos, mais non o son en absoluto; e, pola outra, vémonos na obriga de xestionarmos o rexeitamento social daqueles e daqueloutras que consideran “feos” e “non aptos” os corpos gordos por non refrendaren o canon estético imperante. Toda materia corpórea humana que se expanda máis do “aceptábel” é considerada pouco estética. No entanto, volvo insistir, o peor de todo, non é esta apreciación subxectiva do que se mira, mais a valoración moral inherente ao entrarmos en cuestións como a pretendida desorganización e indisciplina que se presupón a quen posúe este aspecto. Somos crueis? Sómolo, en efecto, pero poucas veces caemos na conta do noso erro. 

Gorda e fea non son sínónimos. Nunca o foron, pero, a día de hoxe, parece que si. Con todo isto, faise evidente a necesidade deconstruírmos o desexo e desenvolver capacidades como a xenerosidade, a empatía e o respecto real pola persoa que temos diante. Tendo conta disto que escribo conclúo entón que Yo, gorda é un cómic moi recomendábel. De seguro que xorde o debate, porque o corpo da muller é claramente un campo de batalla. Nada como vencer a opresión e o medo a ser para ocupar o lugar que merecemos.

Te puede interesar