Opinión

Milagros Mumenthaler

Despois de obter no 2011 o Leopardo de Ouro no Festival Internacional de Cinema de Locarno pola súa primeira longametraxe “Abrir puerta y ventanas”, Milagros Mumenthaler agasállanos coa súa segunda fita “La idea de un lago” -pola que repetiu nominación outra vez en Locarno-, que se estreou nas salas o 7 de abril. Nesta ocasión volve incidir no tema da ausencia cun filme ben interesante co que podemos desfrutar de imaxes deliciosas, alén da exquisita delicadeza coa que nos envolve a maneira en que se experimenta esa ausencia. Tan fácil de dicir, mais tan difícil de facer. A cineasta arxentina intróducenos nas lembranzas de Inés, revividas de xeito fragmentario como corresponde ás rememoracións. Gústame o verbo “recordar”, na medida en que implica, se temos conta da súa etimoloxía, volver ao corazón. Mais que gardamos realmente nese corazón, nalgúns intres canso e noutros esperanzado ou tristemente indiferente? Pois, en principio, o que conservamos son imaxes, tamén palabras, que, dalgunha maneira, traen de volta ao presente esas emocións intensas do pasado. Segundo isto, o exercicio de recordar consiste, máis ou menos, no regreso desas intensidades que forman parte de nós e agroman en determinados momentos.

O que motiva ese retorno pode ser casual -un aroma, algunha canción, unha frase- ou buscado. Ás veces somos nós quen convoca o pasado, para traelo aquí, a este lugar que denominamos presente e repetir esa sensación vivida, que non ten por que implicar necesariamente nostalxia, porque recordar pode tamén ser divertido. Todo depende. No caso de Inés, a protagonista do filme de Mumenthaler, eses fotogramas do pasado aparecen de xeito caótico -atoparemos pois bastantes flash backs na peli- e proceden do desexo propio, aínda que, nalgunha ocasión, o seu retorno é inesperado. O interesante de “La idea de un lago” é o xeito en que a directora arxentina enfoca a ausencia, porque en ningún momento se adentra no terreo trillado da cuestión política. No seu lugar, elixe poñer o foco na xestión desa ausencia. O que atopamos entón é o que acontece na mente de Inés despois da desaparición de seu pai, no ano 77, durante a ditadura.

A partir dun moi acaído parlamento á cámara da protagonista -extraído de “Pozo de aire”, o libro de poemas de Guadalupe Gaona, no que se inspira o filme- chegamos á intrahistoria da muller adulta, para regresar a súa infancia, da que nos quedaremos, entre outras, coa fermosa secuencia do baile no lago co vello Renault 4 de seu pai, acompañados da canción de Neil Diamond “Son sung blue”, punto álxido da peli, que nos deixará cun agradábel sabor de boca. “La idea de un lago” é unha experiencia sensorial que nos devolverá, durante 82 minutos, a vibración infantil impresa nas fotografías dos albumes familiares.

Te puede interesar