Opinión

Moonlight & Manchester

Finalmente Moonlight conseguiu o tan prezado Óscar ao Mellor Filme. Tíñao difícil porque competía cunha, en exceso laureada, La La Land, ademais doutras ben interesantes, pero menos arriscadas. A chegada, Lion, Figuras ocultas, Fences, Ata o último home e Comanchería, son boas historias, insisto, pero apenas sorprenden. Polo menos non ata o punto en que si o conseguen Moonlight ou Manchester by the Sea. En efecto, o filme de Kenneth Lonergan é un traballo excelente, o unico á altura de Moonlight, de Barry Jenkins. A pesar disto, do bo facer de ambos os dous cineastas, o Óscar ao Mellor Director levouno Damien Chazelle, por La la Land. Cousas que pasan moitas veces, e, sinceramente, aburren. Refírome á sobrevaloración dun traballo mediano, poñéndoo polas nubes, como se quen o fai descubrise a pólvora. Velaquí o caso de Chazelle, que nin é deslumbrante, nin o seu La La Land dá para tanta louvanza, mais aí está, co Óscar na casa. Hollywood é así, un chisco panoli. Pero moito ollo con iso, pois podería ser peor. 

Ben, deixando o cursi a un lado, querería pór en valor a fita de Kenneth Lonergan -director de You Can Count on Me (2000) ou Margaret (2011)-, que, finalmente, non levou o Óscar, malia merecelo tanto como Moonlight, por contar cun guión excelente, ademais dunha interpretación elegante e sobria que consegue capturar a nosa atención. A verdade é que hai un intre na fita deste cineasta americano, na que ficamos sen palabras. O elemento sorpresa, que o director colocou no medio, divindindo o relato en dous actos -antes de coñecer o sucedido e despois-, fai aínda máis loábel este traballo, porque, unha vez que sabemos “todo”, podería diminuír a tensión, perder interese, ou, moito peor, caer no melodrama, nesa retorcedura dolorosa e previsíbel da retórica hollywoodense. No entanto, Lonergan, tamén escritor de teatro -iniciou a súa andaina en Broadway-, elixiu a naturalidade, a sobriedade contextual e a interpretación contida dos actores. 

Nun escenario frío e distante, literal e figuradamente, -eis o brancor prosaico dos días que se suceden pesadamente, en contraste coa escuridade dos escenarios interiores-, sentimos a dor glaciar nos ollos do protagonista -un Casey Affleck soberbio- coa que Lonergan consegue deixarnos sen palabras. É difícil manter a atención despois de revelar o que se oculta na ollada do perxonaxe principal, mais a mestría de Kenneth Lonergan pode con iso e con máis. En definitiva, Manchester by the Sea, é un filme que deslumbra e paga a pena ver. Tanto como Moonlight.

Te puede interesar