Opinión

Mulleres asasinadas

O acontecido en Vigo e Santiago volve pór na mesa o problema da violencia machista. Pensar que Ana María ou Helena Mihael, asasinadas por dous individuos desprezábeis, son casos illados constitúe un erro de vulto. Non se trata de crimes puntuais que obedezan a unha obsesión particular dun tipo que padece un trastorno mental. Pensar iso implicaría desculpalos e non hai desculpa posíbel. César Adrio Otero, por exemplo, o presunto asasino da rapaza de Vigo, é un machista de libro que non quixo asumir nin aceptar que Ana María decidise continuar a súa vida sen el. Por que César non entendeu que lle desen porta? Porque na súa cabeza non cabe que iso de iniciar ou romper unha relación non sexa cousa súa, mais dunha muller.

Un machista é fundamentalmente un tipo extemporáneo que non quere adaptarse a unha sociedade que defenda a igualdade, así é que nas relacións de parella necesita dominar. As actitudes e comportamentos activos das mulleres -iniciar unha relación sentimental, propoñer cambios na mesma ou rompela se é o caso- irrítano, porque infire desa asertividade un trato condescendente con el que o coloca nunha posición inferior. Nesa tesitura, dende o seu punto de vista inmerecida, interprétase ninguneado, algo que non pode permitir. Nada peor que un rei destronado, que sente que lle arrebataron o poder. Que vai nacer de todo isto? En principio carraxe pola vergoña de ser percibido coma un “pringado” -que é o que era, non porque ela o deixase, mais por esa carencia absoluta de audacia para revisar a súa visión antediluviana do mundo-, a continuación envexa, por non ser el quen tomou a decisión, despois desexo de recuperala para, talvez, deixala máis adiante e así reforzar a idea de que podía gobernalo todo, e, finalmente, ao non conseguilo, odio, un ben grande e furibundo, que non tivo mínima intención de controlar, polo que identificou coma un desprezo. A raíz de todo isto virían as ganas de matar que sentía ao ver feliz a Ana, mentres el estaba “tan mal”. De aí, da impotencia e mais da frustración, naceu o desexo de vinganza. César Adrio, quería ser protagonista, pero Ana, moi intelixentemente, non llo permitiu. Isto é, en liñas xerais, o proceso no que se xerou o xermolo deste asasinato, que, dito sexa de paso, non difire moito de tantos outros. Cómpre entón poñerlle o nome que corresponde, asasinato machista, e recoñecer que estamos ante un problema político que afecta a toda a sociedade, así é que non se pode contemporizar de ningunha maneira cos agresores argumentando que estaban desesperados, ebrios, obsesionados... Facelo é moi irresponsabel pola nosa parte, na medida en que xa non hai un perfil de vítimas, porque vítimas podemos ser calquera de nós. Non importa a clase social, nin o nivel cultural, nin sequera o grao de autoestima. Ana María tiña unha boa opinión de si mesma. Estaba segura do que facía, porque era moi intelixente. Tamén gozaba de recoñecemento no traballo, e, por riba de todo, foi moi valente e soubo poñer fin a unha relación que non a satisfacía. De que serviu todo iso? De nada, porque para que unha sociedade funcione correctamente ten que contar con todas as partes. Se só unha metade comprende que a igualdade é algo natural, que, alén de ético e saudábel, fai felices as persoas, non conseguiremos nada.

Creo que os homes teñen que realizar un traballo serio coa autoestima, deixar de querer ter razón, poder e recoñecemento, para, no seu lugar, aprender a escoitar, respectar as nosas decisións e abandonar o paternalismo. Un amante é un igual, non un coidador. Ese afán de colonizador sentimental só trae violencia.

Te puede interesar