Opinión

Nominacións

O sábado, 2 de febreiro, terá lugar en Sevilla a entrega dos Premios Goya. Daquela, axiña saberemos que filmes estarán nominados. Polo de agora unicamente podemos especular. Neste exercicio de especulación hai quen opina que serán candidatas fitas como El reino, Entre dos aguas, Petra, Carmen y Lola, El fotógrafo de Mauthausen, La enfermedad del domingo, Animales sin collar, Tu hijo, Quién te cantará, El árbol de la sangre, Viaje al cuarto de una madre e Campeones. 

Entre elas debería figurar tamén Todos lo saben, a peli de Asghar Farhadi, pero podería ser que isto non acontecese. Teño a impresión de que o director iraní non captou o interese da Academia. De feito non conseguiu ser candidata aos Oscar. En todo caso, haberá que agardar un pouco máis. A ver que sucede. Polo de agora, e, continuando coas conxecturas, chama a miña atención que, unha vez máis, a maioría dos traballos foron realizados por homes. De feito, das trece pelis que xa se consideran “goyificables” só tres foron dirixidas por mulleres: Celia Rico, -Viaje al cuarto de una madre-, Arantxa Echevarría -Carmen y Lola- e Mara Taragona -El fotógrafo de Mauthaussen-. Está claro que o aumento do número de mulleres no apartado da Dirección de Cinema vai bastante lento. Serán necesarios aínda moitos anos para que haxa un certo equilibrio. 

Mentres iso non sucede, o que temos son heroinas, que se atreven a dirixir unha peli e superar todos os atrancos que se lles poñan, e actrices fabulosas. Actrices como Bárbara Lennie, poño por caso, que, unha vez máis, está presente en varios dos filmes máis interesantes deste ano. Poderémola ver entón en La enfermedad del domingo -de Ramón Salazar-, Petra -de Jaime Rosales-, e Todos lo saben, de Farhadi. Lennie é unha actriz con carisma. Por esa razón ten tanta presencia no cinema independente, porque atrapa con cada interpretación. Creo que a naturalidade e a sobriedade interpretativa de seu xeran ese magnetismo tan cautivador. Non me sorprende por tanto a súa presencia constante en moitos dos filmes máis singulares como María (y los demás), de Nely Reguera, Obaba, de Montxo Armendáriz, La piel que habito, de Pedro Almodovar ou Magical girl, dun xenial Carlos Vermut, que este ano nos deslumbrou outro pouco máis co filme Quién te cantará.

Te puede interesar