Opinión

Novas masculinidades

El feminismo, junto con otros movimientos contemporáneos, destruye el misticismo de las relaciones entre hombre y mujer. 

Isto foi o que dixo Limónov (Dzerhinsk, 1943).

Considerado polos medios de comunicación como un “axitador”, o escritor e político soltou a frase de marras nunha das entrevistas que se lle fixeron con motivo da presentación do seu libro de memorias: El libro de las aguas. Unhas augas que, polo visto, intentan ser bastante turbulentas dada a incorrección política da que se gaba o autor á menor oportunidade que se lle dea. A Limónov gústalle remover o vespeiro e xerar polémica. Iso é evidente. O que non teño tan claro é que o consiga, porque isto da “guerra de sexos”, coma o tema das tensións sexuais heteronormativas proceden dun imaxinario sexista anacrónico, propio do estereotipo masculino de hai trinta anos ou máis. Este rollito “mad men” perdeu adeptas. 

O que lle puña ás mulleres cis heteroseuxuais dos anos sesenta, setenta, ou mesmo oitenta, non é en absoluto estimulante a día de hoxe. Daquela, tería de nos  aclarar a que se refire con iso de “el misticismo de las relaciones entre hombre y mujer”, pois, de facer referencia á cacerías rancias, “flipa” bastante. O devandito misticismo, como elemento determinante nun proceso de “coqueteo”, está desactivado a día de hoxe. Non funciona. O que si lles resulta sexi ás mulleres heterosexuais, polo menos ás que están empoderadas, é a delicadeza, a simpatía, unha boa conversa, o humor… O único que hai de místico entre e un home e unha muller que se atraen é o feito de se meter nun cuarto para desfrutar do corpo a tope e rir xuntos. Tampouco non creo que o interese polo sexo teña diminuído nas mulleres en función do seu nivel de empoderamento. 

Iso de que a nosa independencia emocional vaia en detrimento da actividade sexual é unha auténtica boutade. É máis, paréceme que canto máis consciente é unha muller do seu poder, máis interesante resulta como interlocutora erótica. En resumo, que Limónov fala de mulleres que xa case non existen para homes cunha masculinidade rancia en vías de extinción. Tendo conta disto, as súas declaracións non axitan nada. Como moito fanse hilarantes e previsíbeis para o movemento feminista. Máis do mesmo, para que nos entendamos.

Te puede interesar