Opinión

O que arde

En Navia de Suarna celebran a vitoria de Oliver Laxe en Donosti. O director galego gañou o IX Premio San Sebastián-Gipuzkua Film Commission. O que arde impúxose ás outras catro fitas seleccionadas -La trinchera infinita, de Jon Garaño, Aitor Arregui e Jose Mari Coenaga; El increíble finde menguante, de Joxe Mikel Caballero; La vida sense la Sara Amat, de Laura Jou, e La virgen de agosto, de Jonás Trueba-, e saiu, repito, vencedora dentro da sección Perlas. A peli, que se estrea nas salas o 11 de outubro, foi rodada na terra de Oliver e tamén en Asturias. Daquela, é fácil imaxinar a emoción da xente de Navia nesa carpa que montaron para ver o filme. Como non sentila sabendo que se fixo alí coa colaboración de gran parte da veciñanza? No entanto, a ledicia polo recoñecemento do cineasta galego non é algo que só se celebre na zona dos Ancares. Toda a cinefilia galega está contenta. 

Lóxico! Sabemos que Laxe ten un enorme talento e iso nos agrada, pero, por riba de todo, o que nos conmove é a súa capacidade de traballo. Oliver esfórzase sempre por dar o mellor de si mesmo. Por iso afirmou nunha das entrevistas que “unha película ten que doer”, e que  non sabe facelas dende a comodidade. Creo que esa é unha das chaves da excelencia das súas propostas, que foxe do camiño fácil e non se conforma con que algo estea ben, correcto. Quere ir máis alá e ten moi claro que para facelo necesita atreverse, probar, e comprobar, arriscar e botar moitas horas currando. Desta entrega xorde a singularidade das súas pelis. Tamén da admiración que sente polas persoas que non só se admiten “pequenas” fronte ao mundo, mais que saben levalo con dignidade, porque nesa admiración vai implícita outra loita que o director manten na intimidade, a de impedir que o domine o ego. 

Ese esforzo continuo por buscar á esencia daquilo que realmente importa é a que lle  permite ubicarse en todo momento e preservar a honestidade, a ilusión e as ganas de loitar. Grazas a saír vitorioso desa batalla interna conseguiu facer Todos vós sodes capitáns. Tamén Mimosas e agora O que arde. Tendo conta disto, celebro o talento de Laxe. Obviamente. No entanto, aínda celebro máis esa maneira de estar no mundo e de saberse mirar. Agora só me queda ver o filme e desfrutar do que o seu cerebro en lumaradas ofrece. Bravo!

Te puede interesar