Opinión

Penélope vinte anos despois

Penélope Cruz non espera ningún tren. Subiu no que lle petou e leva nel máis de vinte anos. O recoñecemento á actriz no Festival de Cine de Donosti é un dos moitos que recibiu nos últimos anos. Alén do famoso Oscar do 2009, como Mellor Actriz de Reparto, conta tamén co César de Honra que se lle concedeu en Francia e o Bambi á Mellor Actriz Internacional, outorgado en Alemaña. Isto de ser aplaudida polo público e a crítica non é doado en absoluto. Quen crea entón que se trata, unicamente, dunha cuestión de sorte anda bastante desencamiñado. Penélope leva ás súas costas interpretacións ben potentes en filmes interesantes -Volver, Todos lo saben, Ma ma, Dolor y Gloria, La Reina de España, Elegy, Manolete...- de cineastas moi singulares como Pedro Almodóvar, Asghar Farhadi, Medem, Trueba, Isabel Coixet, ou Lupe Sino, entre tantos outros. 

Tendo conta de que xa non é ningunha adolescente, celebro que se valore o talento desta actriz porque creo que isto servirá de exemplo para poñer a outras no lugar que lles pertence dado o excelente labor que realizan, e abandonar ese papanatismo ridículo ao redor da xuventude. Como se o feito de ser nova fose un mérito e non unha circunstancia! Ademais, non se esqueza que esa etapa da vida non constitúe garantía ningunha de “beleza” -sexa o que sexa iso- ou de saúde. Ou é que toda a xente nova é guapa e ten gran fortaleza física? Ata o de agora, poucas actrices de máis de 45 anos podían traballar nun filme con certo protagonismo. De feito, se quixésemos elaborar unha lista de intérpretes maduras, comprobariamos que son moi poucas. Agora mesmo non me veñen á cabeza máis de seis. Refírome a Meryl Streep, Carmen Maura, Juliette Binoche, Isabelle Huppert ou Helen Mirren. Seguro que hai máis, pero, neste momento, non caio… Iso si, intérpretes masculinos temos a moreas e non para facer de “avós”. De feito, a pouco que nos poñamos, caeremos na conta de que hai e houbo “galáns” a punta pala. 

Pénsese, por exemplo, en Richard Gere que aparecía con 50 anos en Autumn in New York, cunha Winona Ryder que nin aos trinta chegaba. Sorprendeuse alguén?; e que dicir do quase inmortal Clint Eastwood, que, con 65 primaveras, fixo de amante de Meryl Streep en 1995 no popular filme The Bridges of Madison County, cando Streep contaba só con 46, máis ou menos os que ten Penélope Cruz na actualidade, e podía ser, como dirían as malas linguas, a súa filla?; alguén comentou ao velo nese rol de “pimpollo madurito”, que as persoas maiores estaban de moda?; pensouse, nalgún momento, que fixese o papel dun “asaltacunas”? Ninguén pensou tal cousa, porque só se penaliza a madureza nas mulleres. Somos nós as vellas, as que non valen. Pero, como dicían no anuncio aquel, “el frotar se va a acabar”. Mellor dito: acabou xa. As mulleres de agora pisan forte e non se deixan asoballar. E non só iso. Cada vez temos máis homes do noso lado que non responden a este tipo de estupideces propias dunha masculinidade ob-so-le-ta. Por iso celebro por todo o alto o recoñecemento a Penélope Cruz, porque con máis de corenta anos, non só é atractiva senón que confía na súa capacidade de seducción ante as cámaras. Bravo.

Te puede interesar