Opinión

Perfecta

Vida perfecta, a serie dirixida por Leticia Dolera, arrasa en Movistar+. A directora, guionista e actriz catalana acertou de cheo con esta historia, que xa recibiu varios premios no pasado Festival de Cannes. Vida perfecta dá conta da vida de tres mulleres cuxas expectativas frustradas rematan por situalas nun lugar ben interesante: o das preguntas. María -Leticia Dolera- ve como o seu proxecto matrimonial se desmorona. Xusto cando vai firmar a hipoteca con Gustavo, o seu mozo -intepretado por David Verdaguer-, este decide romper a relación, porque non se sente identificado co plan de vida que María lle tiña preparado. Esther -Aixa Villagrán-, a irmá de María, con case 40 anos, vive coma na vintena, a todo gas, de festa en festa, e, se pode, de cama en cama. Cris -Celia Freijeiro-, casada e con dúas fillas, arela a vida de solteira de María e busca sexo con descoñecidos nas aplicacións do móbil. 

Lixeira, atrevida, e, nalgúns momentos, conmovedora, Vida perfecta, cun guión escrito por Dolera e Manuel Burque, trae un chisco de aire fresco aos proxectos televisivos de ficción. Gustará tanto, ou case, como Paquita Salas, por exemplo. Sobre todo polas preguntas que coloca enriba da mesa, pois, malia non seren estas novas en absoluto, si interesa lembralas. Eis algunhas delas: que se espera das mulleres que rondan a trintena, que casen cun señor e teñan fillas ou hai outras opcións de vida non penalizábeis socialmente?; e as que non teñen fillas nin parella, son malas, ou teñen, pobriñas, mala sorte?; que sucede coas que paren sen casar?; e as que conviven con outra muller e adoptan unha crianza? e aqueloutras que van de cama en cama, porque si, porque é o que lles pide o corpo, malia sobrepasar os corenta? Hai quen considera que Vida perfecta é unha “serie de mulleres”, porque, polo visto, foi pensada para nós dado que as protagonistas son tres mozas cuxos problemas só lle importan a elas tres, e a todas as que, coma elas, vivimos algunha opresión. “Serie de mulleres”, curiosa apreciación... 

Pensou alguén, por exemplo, no seu día, que Los hombres de Paco, ou El comisario eran “series de homes”, porque tanto os directores como os guionistas eran homes e os seus protagonistas principais tamén? Vida perfecta é unha serie pensada para quen teña ganas de desfrutar dunha historia entretida, con sentido de humor, e, saiba, ademais, aprezar que se lle poña cara a tanta xente que non responde ao plan indicado pola sociedade. Menos mal que somos diferentes. Sería aburridísimo vivir nun mundo de clons.

Te puede interesar