Opinión

Persoas desaparecidas

Opinión

Persoas desaparecidas

Cando me enterei, por casualidade, do caso de Manuela Chavero Valiente, que desapareceu misteriosamente da súa casa de Monesterio, en Badajoz, na madrugada do 5 de xullo, quedando o televisor prendido, os pantalóns enriba da cama e o teléfono móbil na cociña, non puiden evitar sentir arrepíos. Algo parecido pasoume con Iván Durán, de 30 anos, que desapareceu tamén do seu domicilio de Baiona o pasado agosto, sen deixar rastro. Despois do arreguizo, chegaron as dúbidas. Por que -pregunteime-, non sabemos ren destas persoas e temos tan presente o caso de Diana Quer? Moi sinxelo, porque a prensa, e, por riba de todo, a televisión están a dedicarlle moito espazo. Ata tal punto que xa podemos falar deste triste asunto como “o caso do verán”. Se é que parece que non tivese desaparecido ninguén máis!

Por iso cómpre lembrar, entre tantos outros nomes, o de Iván Durán ou Manuela Chavero e imaxinar, por un intre, a desolación e desconcerto das súas respectivas familias, que tamén teñen dereito a que se fale do tema. Como poden sentirse ao comprobaren o que, a simple vista, semella un agravio comparativo? Seguramente mal, porque á impotencia provocada pola condición abrupta destas misteriosas desparicións, haberá que engadir a frustración de non recibiren todo o apoio que necesitan, e, moito peor aínda, se por un casual, teñen plena consciencia da morea de casos similares sen resolver, o medo non se fará esperar. Medo a que todo se esqueza, si, mais, sobre todo, medo a non ver xamais á persoa querida, e, consecuentemente, medo ao que lle poidan facer. A verdade é que iso de que a realidade supera a ficción é tan certo que asusta. Basta con afondar un pouco no tema para descubrirmos casos estremecedores como o de Francisco Román Fontalba, un rapaz de 15 anos, desaparecido en 1977, do que non se volveu saber nada. De feito, a familia aínda o busca. Ou o do neno pintor, David Guerrero Guevara, que se esfumou como por arte de maxia con 13 anos, tras marchar do seu domicilio, en Málaga, e ata hoxe. Ou o de Sara Morales, de 14 anos, que saiu da súa casa en Las Palmas, en dirección a un centro comercial ao que, polo visto, nunca chegou. E tamén ata hoxe.

Hai tantos, tantísimos casos sen resolver, que mete medo o tema. Como non sentir arrepíos? Ten que ser tremendamente doloroso que alguén querido se esfume, de socato, e non averiguar nada ao respecto. Como se asume isto? Probabelmente as familias non cheguen a asumir nin aceptar xamais esa perda. Pasarán o resto da vida buscando e agardando o arelado regreso. A ansia de saber e de recuperar o perdido fica para sempre no corazón das feridas abertas, esas que non sangran, nin teñen nada dentro, porque nese tipo de feridas só existe o baleiro, que é como dicir nada. Quen vive aí, está como morto, pero peor, porque vive.

Te puede interesar