Opinión

Protesta atinada

Aprofesora Eva María Romero Valderas, do IES Isidro de Arcenegui, afirmou con rotundidade estar farta da mala educación do alumnado de secundaria. Fíxoo nun claustro. Pódese ler o seu discurso completo no xornal andaluz La Voz de Marchena.

Segundo explica Romero Valderas, a fatiga que experimenta débese, alén da devandita mala educación da rapazallada, ao proteccionismo de pais e nais. Iso sen mencionar os cambios nas normas da Administración... Agora ben, este  malestar seu non é algo puntual, mais sae agora á luz a causa da resposta dun pai, que, ante o aviso de Eva María para que este corrixise ás actitudes da filla, lle soltou que ela estaba alí, no instituto, para aguantar. Para aguantar o que, concretamente, malas caras, actitudes displicentes, respostas improcedentes, faltas de puntualidade, conversas de patio no medio da aula ou preguntas sobre aquilo que non se comprendeu e aclaracións a respecto da nota dun exame? Que se supón que ten que aturar unha profesora? 

A verdade é que comprendo a canseira de Eva María, porque percibo, coma ela, que a valoración e respecto polo labor que desempeña o profesorado é practicamente inexistente. En moitas familias a autocrítica apenas se produce. Algunhas nais e pais non aceptan nin asumen que, en bastantes ocasións, os seus fillos, ou fillas, non fan o traballo que lles toca, deixan todo para o último momento, e, como resultado desa desidia, obteñen o que merecen, isto é, uns resultados mediocres ou pésimos. No entanto, como moi ben apunta a educadora andaluza, o peor da situación non é o baixo rendemento escolar, mais as faltas de respecto. Cousas tan sinxelas como dar as horas, erguer a man para formular preguntas, prestar atención e aceptar unha crítica con bo talante, forman parte da consideración e respecto que cómpre recuperar. Creo pois que a voz de Romero Valderas debe ser escoitada, porque deixa constancia do que sucede en moitos centros. Outro aspecto que urxe revisar tamén, dito sexa de paso, ten que ver co que está a acontecer coas humanidades.

Escribo isto e penso no que se fixo, por exemplo, coa filosofía en bacharelato, unha asignatura ben interesante que favorece a reflexión crítica e que se ningunea vilmente. Non esquezamos que estes adolescentes serán algún día adultos que votarán e deberán tomar decisiones importantes que repercutirán na sociedade. Como farán isto se carecen de referentes, se apenas teñen coñecemento do que é a xustiza social e viven inseridos nun individualismo atroz? O traballo en equipo, o coñecemento da historia, alén da importante educación da mirada para poder desfrutar da beleza dunha imaxe pictórica ou dun bo filme, son só algúns dos beneficios que se conseguen ao aprender algo de arte, literatura, historia ou música. Que consigamos persoas adultas coherentes, con certa sensibilidade e empatía, depende en gran medida da defensa destas áreas do coñecemento humano. Como isto afecta a toda a cidadanía, creo que as palabras de Eva María Romero Valderas deberían ser escoitadas. A ver se tomamos medidas xa!

Te puede interesar