Opinión

Pura cinza

A cinza é o branco máis puro. Eis é o título do último filme de Jia Zhang Ke. Despois de pasar polo Festival de Cannes no 2018, esta peli do director chinés chega agora ás salas de cinema. A fita dá conta da singular historia de Qiao e o mafioso Bin, que, en ningún momento estará á altura da entrega e xenerosidade da súa compañeira sentimental. En tempos duros para o amor, sorprenderá a lealdade absoluta de Qiao, que, por non delatar o seu amado, pasará cinco anos nun cárcere. Pódese, a día de hoxe, pregúntome, amar así?; é posíbel ofrecer tanto a quen o único que dá son problemas? O chinés, que xa conqueriu á crítica occidental con Natureza morta -León de Ouro en Venecia-, volve captar o interese novamente con esta historia truculenta na que se observa ese deleite pola lentitude, a paisaxe e o desexo de suxerir, deixando “espazos en branco” para dar paso a outros momentos diferentes da narración. Nalgún dos breves saltos temporais, conforme se nos introduce na historia, poderemos presentir algo do que sucederá, mais, aínda así, ao velo, experimentaremos igualmente irritación ou sorpresa. 

Posibelmente se nos pasen pola cabeza preguntas que levan consigo un xuízo, algo que, talvez, non nos guste porque prefeririamos sentir que temos unha actitude aberta e empática. Algunha das preguntas, como as lanzadas máis arriba, revelan as nosas teimas occidentais. O desexo de liberación, por exemplo, ou a posta en valor do desapego, algo que o budismo, en países como China, proclama, e que as correntes neoliberais utilizan en Occidente no seu beneficio para negar a existencia dun problema estrutural que envolve non só a economía dun país, mais tamén a vida emocional dos seus habitantes. Eliminar o desexo e “loitar” para desfrutar dos procesos sen ese afán de demostración, inherente a un ego que nos atrapa, esixe de nós unha disciplina férrea. Ten esa disciplina a protagonista ou se deixa ir?; ata que punto esa xenerosidade e lealdade non agocha un apego egoísta dado o carácter mediocre do amado? Non sabería moi ben como valorar a capacidade amatoria da protagonista. 

Véxome xulgándoa e, malia non me agradar iso, recoñezo que foi o que fixen nos minutos posteriores ao visionado da película. Seguramente isto sucede porque estou inserida na cultura occidental e non me agradan as persoas que se entregan a outras cun mundo emocional tan pobre coma o de Bin. Sobre todo habendo tanta falta de amor na sociedade contemporánea. Isto de lle dar mel aos porcos devén un absoluto un desperdicio. Daquela, admito que tiven unha sensación estraña co filme de Jia Zhang Ke. Unha sensación a medio camiño da rabia e da sorpresa. Alégrame entón tela visto, porque me interesa que me coloquen, como espectadora, en lugares difíciles. Poñerse a contemplar a anguria dese amor convulso e tormentoso -case tanto coma o contexto no que se desenvolve: a mafia da comunidade jiang hu-  non era un lugar fácil en absoluto. Malia todo houbo momentos luminosos, coma esa escena de baile, tan pulp ficition, de Qiao e Bin. Iso sen mencionar a secuencia final coa protagonista descolocada e borrosa, contemplada por un lente que nos permite ver o seu interior e percibir a desazón da que xa non poderá ocultarse por máis tempo. Un relato de amantes e amados. Tamén de fraudes consentidos e intensidade brutal.

Te puede interesar