Opinión

Quien a hierro mata

Despois de “Verónica”, e da saga “(REC)” -realizada con Jaume Balagueró-, Paco Plaza regresa cun novo filme: Quien a hierro mata. Trátase dun thriller, un xénero que Plaza domina. Nel poderemos ver o actor Luís Tosar, sempre impecábel, e a actriz María Vázquez, que nos engaiolou coa súa interpretación en Trote, de Xacio Baño. Cómpre resaltar tamén o traballo do resto de intérpretes, talvez menos coñecidos, pero cuxo traballo é ben potente. Refírome a Ismael Martínez, e, por riba de todo, a Enric Auquer que deixará o público impactado. Auquer faise co personaxe ata o punto de que calquera diría que é galego. De feito, xa hai quen o considera a revelación da peli, algo co que concordo, porque, se ben esta fita pode gustar moito e engancharnos, non deixa de ser un filme correcto. Sen máis. 

Está ben construído, traballa con coidado a tensión, pon en valor a naturalidade interpretativa, algo que ao director lle interesa moito, pero tampouco nos deixa coa boca aberta. Só hai que pensar en thrillers ou filmes de terror moi superiores como Ghostland -dirixido por Pascal Laugier-, que está agora nas salas, ou o irritante Funny Games (1997) de Haneke, por exemplo. En todo caso, paga a pena vela, pois si consegue entreter, que é un dos obxectivos do cinema comercial. Faino ademais con solvencia. 

Así é que o dilema no que se atopa Mario, interpretado por Tosar, e o xeito no que o resolve, dará pé seguramente a algunha que outra conversa despois do visionado. Isto de falar sobre as pelis forma parte do ritual cinéfilo e sempre se agradece. Sobre todo se se acompaña dun café ou dunha caña. No caso desta fita, unha das preguntas podería referirse ao desexo de vinganza ou á orixe desas ganas de castigar a outra persoa por algo que nos feriu enormemente. Mario non consegue esquecer algo do pasado, carga entón cun peso grande ás costas. 

Isto de non soltar lastre e perseverar no odio afunde o personaxe, que, pouco a pouco, pasa da luz ás sombras. Tanto é así que chega a esquecer a vida agradábel e harmoniosa que levaba coa súa parella -interpretada por María Vázquez-, para centrarse nese sentimento negativo que podería non conducilo a moi bo porto. Que sucederá? Eis unha das cuestións que aparecerán á medida que contemplemos o filme e que resolveremos facilmente, porque sorprender non sorprende moito. Daquela, se hai crime haberá castigo? E, no caso de se producir o castigo, sería posíbel outro final menos evidente? Case mellor velo e responder a esta pregunta despois de o facer, pois sexa cal sexa o grao de sorpresa desta historia, nada hai máis atinado que opinar con coñecemento de causa. O que si se pode anticipar é que o traballo interpretativo é excelente, insisto. Isto faise ben interesante, creo. Polo menos para pensar en ir ao cine.

Te puede interesar