Opinión

Ranciavisión

No ano 1996 Susan Sontag escribía nun artigo, publicado en The New York Times, que o cinema sufría unha “decadencia ignominiosa e irreversíbel”. A causa disto, segundo a escritora, tiña que ver coas novas tecnoloxías -naquela altura a televisión e mais o vídeo-, que impedían desfrutar realmente do cinema. Neste sentido, Sontag defendía o visionado en salas como “verdadeira experiencia” cinéfila. Na súa opinión entón ver un filme na televisión non é realmente ver un filme. Non só pola dimensión das imaxes -maior nas salas clásicas- senón porque as condicións nas que se visiona na casa “son pouco respectuosas coa película”. 

A crítica consideraba pois que un filme, para “ser raptado”, precisaría dun teatro ou dunha sala de cinema onde a persoa interesada puidese sentar entre descoñecidos e concentrarse. Este artigo de Sontag xurdiu a raíz da preocupación existente nos anos 90 ante unha posíbel “morte do cinema”. A “decay of cinema” foi augurada polos máis pesimistas dada a inminente profusión de novidades tecnolóxicas que nos inducirían ao actual esplendor dixital, un esplendor inevitábel, coas súas luces e sombras, que parece agobiar a un sector nostálxico, e, probabelmente, bastante elitista. A xeración millennial non ten este tipo de complexos ridículos. Daquela, xamais se considerarán máis ou menos “cinéfilos” por visionar determinados filmes nas salas clásicas ou facelo a través de Netflix ou HBO, por exemplo. En todo caso, non é necesario ser unha millennial para desfrutar dos contidos destas plataformas dixitais. O único requisito necesario, á marxe da posibilidade de pagar as cotas mensuais, é ter ganas e gostar dos seus contidos. Iso xa sen falar de que o de pasar a vida ollando cara a atrás, interpretando que só existe unha maneira de ser realmente espectador, ou espectadora, cansa un pouco. 
Acudir a salas de cinema independentes como Numax ou a ciclos como Cineuropa -fantástico, por certo!- non exclúe ver fitas ben interesantes en Netflix como Roma -de Alfonso Cuarón-, Okya -de Bong Joo-ho- ou Mauvaises herbes -de Kheiron-, alén de series tan potentes como Black Mirror, Dark, (Des)encanto, El alienista ou Stranger things, entre tantas outras. Eu, polo menos, valoro a experiencia clásica de ver cine en salas. Entendo tamén o que afirmaba Sontag sobre a idea do “rapto”

É máis, gosto de me “apropiar” de certas pelis, porque a intensidade de seu me fascina, por suposto. Isto é para min moi liberador, na medida en que me permite gozar con fitas marabillosas como Con el viento, de Meritxell Collel, e emocionarme a tope, sen prescindir por iso dunha boa sesión de series en Netflix. Ángel Sala explícao mellor ca min. “La novedad no es el enemigo sino el inmovilismo, la autocomplacencia y la falsa invocación de tiempos pasados enterrados curiosamente por muchos de los que ahora plantean combates estériles en pos de una  gerontocracia audiovisual que nos llevará a un desastre”. 

Te puede interesar