Opinión

Sobre ruínas

Hai no libro de Rábade Paredes algo estremecedor que nos sitúa, sen concesións, no escenario. Non temos escapatoria. Torcer a cabeza para buscar unha paisaxe sintética menos amarga é imposíbel nun libro coma este. Pode a contorna soportar a verdade presente nos poemas de Xesús Rábade? De que verdade se trata? Da Galiza rural que esmoreceu e da pretendida Galiza rururbana que non acaba de arrincar, mais, por riba de todo, hai neste Sobre ruínas, un intento de reivindicar o loito por esa perda, un loito que, como moi ben apuntou María do Cebreiro no seu ensaio Fogar impronunciable: poesía e pantasma, está aínda por facer. Atopamos pois, nos seus poemas, un compoñente espectral derivado da rememoración daquilo que se perdeu.

“Eiquí sempre foi bosque”, afirma a voz poética, recuperando a palabra de Uxío Novoneyra para referirse ao Courel, e continúa nese ton propio case profético, “e convocou a voz dos altos cumes/ a bafarada antiga das fragas e dos soutos/ para lles pór novo nome ás cousas”. Son os nomes das cousas os que, en certo xeito, confiren entidade a esas mesmas cousas. Eis unha das propiedades da linguaxe que, malia que nos amole, está aí, pois, en certo xeito, permite infundir vida simbólica a aquilo que nomea. Por iso Rábade trae ao texto eses nomes dos lugares -“Digo Muimenta, Pino, Amillarada/ Castro de Rei, Roás, Espiñaredo,/ Abeledo,Sistallo, Carracedo,/ Samarugo, Cospeito e Regalada...” -, nun intento de os manter vivos, facéndoos presentes na memoria. Estamos pois ante un texto claramente sonoro que pide ser pronunciado. Un rap, por exemplo, sería ben acaído.

A repetición, á marxe do carácter cansino que lle poidamos atribuír nun primeiro momento, ten de seu un efecto “máxico”, na medida en que imprime na nosa memoria algo que, dificilmente, pode ser borrado. Hai pois neste libro de poemas de Xesús Rábade Paredes, un retrato dos síntomas dunha sociedade galega que persevera no esquenzo, que se distrae e non mira onde cómpre, que perde o tempo na contemplación dun espectáculo bochornoso que pinta de azul o que é gris, eslamiado e brando.

Un poema non ten que soar como un himno, é certo, mais, unha mentira glorificada debe ser nomeada, para que a falsidade de seu se perciba. Á marxe disto, o libro ofrece tamén unha visión prospectiva, así é que dá conta dun futuro, desa utopía necesaria que intenta realizarse, unha vez superada a nostalxia, o mal omnipresente que nos aflixe e paraliza, que nos impide avanzar, xerando unha atmosfera incómoda, dada a inmobilidade a que nos aboca sempre a tristeza. Xa que logo, afirma contundente: Muíños de Sepharad: hanse facer os soños/ paso a paso reais. Iso esperamos, que a Bela Adormecida esperte. Este libro de Rábade é un dos candidatos ao mellor libro de poesía do 2013, xunto cos de Olalla Cociña, Berta Dávila e Miguel Anxo Fernán-Vello. A ver que pasa...

Te puede interesar