Opinión

Sarah Maldoror

Leven as crianza ao cinema, porque, a educación non comeza por un libro, mais por unha imaxe. Estas son, máis ou menos, as palabras que Sarah Maldoror (Gers, Francia, 1929) pronunciou na Sala Azcona da Cineteca de Madrid onde tivo lugar a sesión inaugural da retrospectiva que Documenta Madrid e o Reina Sofía dedican este ano á súa obra. A cineasta da negritude ten claro que o cinema propicia os soños, do mesmo xeito no que o fan o teatro e a poesía, así é que reivindica o valor de seu para achegar á xente nova outras maneiras de contemplar o que sucede ao seu redor. Se estas son menos pacatas e simplistas, mellor. Maldoror forma parte da Historia do Cinema. Coetánea e amiga do poeta Aimé Césaire -marabilloso!- a cineasta da negritude denunciou o colonialismo en todos os seus traballos, así é que, dende un punto de vista antropolóxico, por exemplo, estes son ben interesantes para dar conta desa violencia e opresión padecida pola poboación negra. Agora ben, alén da crítica dese abuso contra o que se rebelaron voces tan potentes como a de Malcolm X, Luther King o James Balwin, habería que facer fincapé na crítica feminista, algo que considero particularmente interesante e que coloca, ao meu ver, o cine de Maldoror nun lugar destacado, o mesmo no que sitúa, por exemplo, a poeta e ensaísta Audre Lorde. 

Podemos  entón ver esa crítica do machismo existente na comunidade negra, que Lorde retratou sen pudor no seus artigos -“Sister Outsider”-, en filmes como Sambiganza (1972). Este traballo, premiado nas Xornadas Cinematográficas de Cartago (1972), no Fespaco de Uagadugú (1973) e na Berlinale (1973), amosa o percorrido de María na busca do seu home -Domingos Xavier, líder revolucionario angoleño, torturado ata a morte en Sambiganza, a prisión de Luanda- ao tempo que descobre a loita na que estaba implicado e da que ela non sabía ren. Esa demanda de que non debería haber xerarquías na opresión, manifestada por Lorde nos seus artigos, pode lerse tamén nas imaxes dos filmes de Maldoror. A cineasta amosa por tanto como os homes negros mantiñan as mulleres á marxe das loitas políticas e perpetuaban os roles de xénero que tamén se daban -aínda se dan agora- na poboación branca. As negras estaban entón confinadas ao ámbito doméstico para se facer cargo das crianzas e non participaban na creación política de espazos de resistencia. 

Todo polos negros, pero sen contar coas negras. Agardamos entón por estes lares unha retrospectiva de Sarah Maldoror. A ver se pode ser...

Te puede interesar