Opinión

SEN AMOR

Andréi Zviáguintsev regresa, despois de Leviatán, con outro filme interesante: Sen amor. Nesta ocasión pon o foco no individualismo, na procura egoísta do propio pracer que arrastra os personaxes cara ao baleiro. A parella conformada por Zhenia -Mariana Spivak- e Boris -Alexéi  Rozin- está no medio dun proceso de divorcio, non exento de discusións nas que se percibe un profundo desprezo, que afecta moito o seu fillo Aliosha, interpretado por Matvéi Novikov. Aliosha, un rapaz de 12 anos, é a auténtica vítima desta ruptura. Non só polo sufrimento derivado da separación do matrimonio, que podería ser superábel se o pai e a nai tivesen unha actitude máis civilizada, senón polo xeito no que falan del. Este papá e esta mamá carecen de tenrura, así é que consideran o seu fillo unha carga. 

Durante a primeira parte do filme asistimos á debacle doméstica na que a rabia, o rancor, e, por riba de todo, o egoísmo atrapan a Zhania e Boris. Comeza o filme cunhas imaxes do bosque e do colexio. Asistimos en silencio a ese momento previo á saída dos rapaces da escola, esperamos a aparición da rapazallada co seu balbordo, mais, cando esta se produce, aínda temos na memoria o silencio anterior. Todo isto indúcenos a pensar algo terríbel. Sobre todo porque sabemos que Aliosha non é feliz. Como selo nese ambiente hostil, no que el é o único inocente? A ausencia de madureza dos seus proxenitores e a frialdade coa que falan sobre el téñeno angustiado. Vémolo chorando tras a porta ao escoitar a conversa e comprender que se queren desfacer del. Pouco despois desaparece e entramos na segunda parte do filme, da que a busca do neno é o centro. 

Zviáguintsev é un narrador distante, frío. Non deixa un minuto de respiro o público, que agarda que todo quede en nada e Aliosha apareza. No medio da historia contemplamos unha segunda vez o plano xeral da entrada do colexio. A repetición desta imaxe énchese de significado para nós. Ao volver vela intuímos o aviso do que sucederá... O cineasta ruso conmove co retrato das entrañas desa familia rota e pon enriba da mesa outra cuestión interesante: o lado conservador da sociedade rusa da que a familia tradicional constitúe aínda o eixo central. 

Por esta razón, Zhania e Boris desexan repetir a experiencia con outras persoas. Falan pois de refacer a súa vida. Como se iso de “refacer a vida” estivese relacionado con construír unha familia nova, nunca con probar outras formas de vivir. Que intenten repetir un patrón que non funcionou revela unha ausencia absoluta de análise pola súa parte. Sobre todo se temos conta da eiva que os une e devasta: ese desexo egoísta de querer recibir constantemente. Individualismo, vitimismo e inmadurez, un cóctel pouco prometedor que deixa os personaxes varados na lameira emocional.

Te puede interesar