Opinión

Sen límites

Teño claro que emitir un xuízo sobre unha obra de arte con criterios morais é  empobrecedor e castrante. Por esa razón faise interesante separar a devandita obra da persoa que a creou. Sobre todo se se pretende  elaborar unha historia obxectiva da produción estética que inclúa as aportacións máis deslumbrantes. Con “deslumbrantes” refírome a esas que, dalgunha maneira, supuxeron un punto de inflexión que mudou o gusto, e, xa que logo, a recepción das citadas obras. Que sucede entón cando algún autor literario ou un director de cinema é un machista manifesto que materializa nos seus traballos unha misoxinia evidente?; Que facemos con iso e como nos sentimos?. O que sucede, en xeral, cando un escritor ou un director de cine fai declaracións que nos incomodan, é que comezamos a collerlle certa xenreira e se nos fai bastante difícil separar o talento creativo do seu talante imbécil. 

Nesta liña poderiamos situar a Haneke, por exemplo. Ou a Lars von Trier. Este último, en concreto, foi declarado persoa non grata en Cannes a causa dunhas declaracións que fixo no devandito festival ao presentar Melancolía no 2011. “Eu entendo a Hitler -dixo Trier-  aínda que comprendo que  fixo cousas mal, por suposto...”. Iso de que fixo “cousas mal” soou á contemporización co fascismo e xustificación da actitude xenocida de Hitler. Creo que Lars von Trier coñece ben a historia. Por esa razón teño claro que esa declaración tan desafortun del, busca en todo momento epatar. Que non soporta verse “tragado” pola propia peli e prefire sobrevoala coma unha especie de totalidade imperecedeira, para que nos entendamos. Agora ben, que pasa coa súa última fita, A casa de Jack, consegue chamar a atención como en Anticristo ou Nymphomaniac? Si. Conségueo. Para ben e para mal. Para mal, porque a película ten escenas de violencia breves, pero explícitas e moi intensas, que provocarán a saída dalgunhas persoas da sala. 

Alén disto, a parte final, o epílogo, podería perfectamente eliminarse, pois leva a historia cara a un manierismo evitábel. E o mellor da peli? Toda a morea de escenas brillantes nas que o director nos presenta unha situación hilarante, con cadáveres itinerantes e un asasino en serie bastante torpe, que, para máis inri, padece un TOC e non acaba de saír da escena do crime porque ten que deixar todo perfectamente colocado. Ese toque de comedia negra é un dos grandes acertos do filme. Hai moitos máis, por suposto, pero, dada a polémica suscitada pola película, creo que necesitaremos aínda un tempo para facer unha valoración xusta e determinar que lugar lle corresponde dentro da historia do cine, que, intúo ha ser un ben destacado.

Te puede interesar