Opinión

Showrunner

Velaquí unha nova adquisición léxica: showrunner. A pregunta entón non se fai esperar. Que é un, ou unha, showrunner? Unha profesión “nova” que xurdiu a raíz da eclosión das plataformas de contido audiovisual. Fai referencia á persoa que desenvolve a función de produción, alén dou-

tras como a de creación, dirección ou elaboración de guións. Daquela xa se vai entendendo mellor o termo. Show, polo que ten de espectáculo o mundo das series, ideadas obviamente para o entretemento, e runner pola actividade frenética que implica o desempeño de tantas funcións que no cinema realizan persoas diferentes. 

Tendo conta disto, alguén cunha idea para unha serie pode tamén escribila, producila ou dirixir algún capítulo. Así o explicou o director da ESCAC cando se lle preguntou pola aparición dun curso especializado nesta figura que é máis coñecida no mundo anglosaxón, porque “sobre todo se mueve en el ámbito de la televisión y la producción de series”. Leva razón no que di. As plataformas audiovisuais están a mudar a maneira de ver cine, mais tamén de o facer, porque non só de series viven Netflix, Amazon ou HBO. Paréceme pois natural e necesario formar profesionais competentes para desempeñar este tipo de traballo, porque, cada semana se estrenan moitas nesas plataformas. Digamos que o sector, como moi ben indica Casamjtiana, se industrializou ata o punto de se converter nunha fábrica de produción que non para un segundo. Isto é así porque a demanda é grande. Vense series en solitario, ou coas amizades. Hainas para todos os gustos, e, normalmente, os guións son ben potentes. De entre todas elas, algunhas xa adquiriron a categoría de “series de culto”. Aí están O conto da criada, Black Mirror, The Wire, Breakind Bad, Mad Men, a galega Fariña, a divertida e disparatada Rick and Morty, Xogo de Tronos, Twin Peaks!, Killing Eve… A conclusión evidente disto é que, en efecto, a preparación para ser unha showrunner -habería que buscar un termo galego- faise urxente, así é que a proposta da ESCAC é máis que atinada. O mundo cambia constantemente. Moverse con el e facer certas mudanzas pode ser interesante. 

Eu son das que prefire habitar o presente e mirar cara a adiante, porque non creo que darlle voltas o pasado nos permita avanzar. Ademais, a falta dunha máquina para nos desprazar polo espazo-tempo como quen vai en avión a un país calquera, o natural é aceptar que, algunhas veces, fluír devén o máis acaído. Cousas nas que penso mentres vexo Dark, por exemplo.

Te puede interesar