Opinión

The Square: Santuario de privilexios

Había ben tempo que non me sentía atrapada ata tal punto nun filme. Teño sentido todo tipo de emocións, dependendo do tema e da forma da película. Non é o mesmo ver as imaxes de Víctor Erice que as de Tarantino, así é que o desfrute estará ligado á forma en que ambos os dous directores montan os filmes, ao xeito no que abordan a violencia, a importancia do tempo narrativo e de como este transcorre, con maior ou menor ritmo… De todas estas cousas, e dalgunhas máis, vai depender o grao de atracción que experimentemos pola fita. No caso de The Square esta atracción veu determinada polo enfoque, polo xeito en que Östlund puxo o ollo no contraste entre as diferentes capas sociais e a violencia que se filtra no feito de que habiten un mesmo espazo. Daquela, o interese principal radica na visibilización deses privilexios. Ruben Östlund (Styrso, Suecia, 1974) puxo imaxes á estupidez enorme que se respira nos ámbitos, pretendidamente cools, da produción cultural, cuxa vocación de modernidade, ou posmodernidade ou ciborgmodernidade ou o que sexa, deixa ver unha procura absolutamente paranoide de epatar, por exemplo, que se fai cansina, tediosa e, perversamente clasista. A verdade é que ao vela, moitas persoas pensarán, poño por caso, algo como isto: “buf, un petardo destes vino eu nun acto en...”. Por iso é moi recomendábel, porque a reflexión sobre o que paga a pena mirar, no cine, na arte ou na fotografía, é ben interesante, e, como se observa na fita de Ruben Östlund tal debate semella morto. En todo caso, a crítica voraz do sueco non se circunscribe unicamente ao mundo da arte e aos seus espazos de fosilización -museos palatinos de frío metal-, mais ao público que consume produtos artísticos “representativos” desa cousa ambigua que é a devandita mega-pos-ciborg-meta-modernidade, que aumenta en prestixio entre a reducida multitude elitista, conforme diminúe o seu compoñente de intelixibilidade. Para que nos entendamos, canto máis abstruso, complexo, hermético e infrecuente, mellor consideración terá entre as clases acomodadas, que, non nos enganemos, son as únicas que dispoñen de tempo para este exercicio masoquista de observar a manifestación dunha arte, en ocasións, bastante cuestionábel. Porque non se trata só de mirar, mais de que vexan que miramos, isto é, que se saiba -por favor!- que estivemos alí, nese lugar da expectación… 

Di o filósofo francés Alain Badiou, nada sospeitoso de ser un “pijo” da esquerda, nin de se gabar de “sofisticación intelectual” ningunha -Alain Badiou é simplemente un tipo brillante, cunha ironía mordaz que fala claro e raspado-, que a arte contemporánea -performances ou happenings, como as que se ven en The Square- é a arte da desparición, porque só ten sentido se nos atopamos presentes no momento en que se produce a devandita “acción”,  cousa que pode interesar e atraer moito, mais que abre un burato por onde sea coa algunha que outra badofia que a “tontitude” aplaude. Ás veces incluso con frenesí. De todas as escenas destaca a central, coa a presencia do homo-oraguntán que entra nese lugar de celebración dos privilexios onde a reducida multitude elitista come delicadamente, en pratos preciosos e comentan “os matices” dunha obra en exposición, por exemplo, mentres o brutallán pousa o seu primitivismo e procacidade enriba das mesas, camiña a catro patas e brama ata atordar os delicados oídos desa cidadanía selecta, que se violenta enormemente. Entón, unha vez chegados a este punto de imbecilidade egoísta, poderiamos preguntarnos, que é o verdadeiramente importante nesta vida?

Te puede interesar