Opinión

Tódelas mulleres que coñezo

Tódalas mulleres que coñezo, o filme de Xiana do Teixeiro, ofrece a posibilidade de abrir o debate nos centros educativos ao respecto dun tema candente: a violencia contra as mulleres. Contra todas. Sen excepción. Independentemente da idade, da clase social, da formación e do tipo de vida. Consecuentemente, este traballo de Teixeiro non só é interesante como documento fílmico senón tamén moi necesario dende un punto de vista pedagóxico. Moito, porque, a pouco que o pensemos, todas temos na cabeza algunha “anécdota” desagradábel que contar. Seguramente, ao ler isto, moitas persoas pensarán no medo á violación ou a unha agresión sexual, algo lóxico, porque ese medo existe. Só hai que ler a prensa ou ver o telexornal para comprobar cantas mulleres están a ser agredidas, violadas, ou, no peor dos casos asasinadas. No entanto, Xiana afía moito máis, pois non se limita a poñer enriba da mesa, nesas conversas que nos ofrece no filme, o temor constante á violencia explícita. Tamén pon o foco no temor ao acoso e á intimidación polas rúas. Cantas mulleres se atreverían a deambular ás tres ou ás catro da madrugada sen compaña? Cantas non se poñen nervosas ao sentir os pasos dun home por unha calexa escura onde non hai ninguén? É máis, como se percibiría o feito de o facer? Probabelmente coma unha insensatez. Tendo conta do que sucede, non pode sorprendernos que adoitemos interpretar como temeridade -se nos poñemos nunha liña negativa- ou valentía -noutra máis positiva- ese “atrevemento” de ir ás bravas por aí, sen protección. Pero por que hai que ser valentes ou temerarias? O que queremos é ser libres. Non andar con catro ollos para evitar babosos acosadores. Este asunto é moi serio, e, tristemente, real. De feito, se nos animásemos a preguntar ás mulleres que nos arrodean se se toparon con algún baboso que as incomodase nalgún espazo público comprobariamos que nos reponderían que si. 

Eu, persoalmente, podería dar conta de varias anécdotas deste tipo e sei que non son a única, porque xa fixen a proba de llo dicir a compañeiras de traballo, ou amigas, e vin que elas tamén tiñan historias similares ou peores do que as miñas. Historias, por exemplo, de acosadores que perseveran en chamar por teléfono, cando xa se lles dixo, por activa e por pasiva, que non había nada que falar. Historias tamén de persecucións nocturnas por parte de señores que van detrás dunha rapaza co coche para soltarlle comentarios lascivos e “ofrecerse” a levalas á casa cando non se lles pediu tal cousa. 

Entón, vendo o percal, pregúntome, así, por preguntar, cantos homes teñen que envíar unha whatsapp a un colega para comunicarlle que chegaron ben a casa despois dunha noite de troula? Este é o gran debate silenciado que Xiana do Teixeiro pón enriba da mesa, algo que todas sabemos e padecemos, pero que poucos homes teñen a humildade de recoñecer. Agradecemos entón este documental da cineasta viguesa, que xa anuncia que está a preparar obradoiros para afrontar o tema nos centros educativos de secundaria despois do visionado do filme, algo que valoramos enormemente dada a gravidade do problema. Non me sorprende en absoluto que Teixeiro encha as salas nas que se proxecta a súa fita.

Te puede interesar