Opinión

Vargas Llosa

Que Vargas Llosa posúe unha prosa exquisita -eis glorias literarias como “La ciudad y los perros”, “Los elogios de la madrastra”, “La fiesta del chivo”…-, ademais dunha conversa envolvente é algo que poucas persoas rebatirían. Digamos que ten algo que atrapa e seduce, algo que lle facilita bastante a súa vida. Eu, polo menos, imaxino que se desenvolve con certa destreza nas reunións sociais, porque sabe como agradar. Agora ben, cando sae dese contexto das celebracións coas “socialités” do momento, ou, no mellor dos casos, das tertulias literarias,  e se adentra noutros ámbitos parece que agrada moito menos. O seu talante  neoliberal irrita bastante e a súa  visión da “alta cultura” tamén, fundamentalmente por resultar elitista, distante, separadora e rancia. Para o escritor, hai un  determinado coñecemento destinado a uns poucos e punto redondo. Poucos e poucas, claro, pois aínda que el non feminice os plurais, entendemos que é consciente da existencia de mulleres luminosas, con talento e claramente audaces. Iso si, esas mulleres son todas dun certo nivel socioeconómico, obviamente. 

Vargas Llosa non pensa na filla dunha obreira como destinataria dese coñecemento “canónico” sobre iso que el adoita considerar  “alta cultura”. Que distinto se fai entón o seu “ensaio”  titulado “La civilización del espectáculo” (2012) daqueloutro de Guy Débord,  “La société du espectacle” (1973), verdade? Pois ben, este señor de perspectiva alta e mirada máis alta aínda, meteuse agora nun xardín pouco transitado pola súa alta persoa. Cal? O do feminismo. Mal, Vargas Llosa. Moi mal. Todo ese rollo que largou sobre o perigo do feminismo carece de audacia, dada a morea de lugares comúns que emprega. Xa sabemos iso da “policía feminista” ou o das “monxas feministas”. Somos conscientes do amplo ronsel de expresións burlescas, grazas. Sabemos as intencións  e non nos interesan nada, porque non definen en absoluto  o traballo feminista. 

A literatura,  maioritariamente escrita por señores cis, occidentais e brancos, recolle, sen dúbida, o legado heteropatriarcal.  A que nos referimos co do “legado heteropatriarcal”? Pois a todo un “sistema de crenzas” moi concreto que pode verse dende Tolstoy -“todas las familias felices se parecen”, que familias? As de lesbianas non, obviamente-, ata aquela violación perpetrada polos Infantes de Carrión contra  ás fillas do Cid.  Desfrutar dos acertos literarios e facer visíbel a  “ideoloxía da dominación masculina” inserida na literatura non teñen por que ser accións  excluíntes, mais complementarias,  e, por riba de todo, moi construtivas e liberadoras. A Vargas Llosa tiña que pasarlle o que lle aconteceu ao “Orlando”, de Virginia Woolf. Talvez así sería menos prepotente.

Te puede interesar