Opinión

Violencia machista

Á pregunta sobre a vixencia do movemento feminista, a violencia machista e a necesidade de educar na igualdade, algunhas adolescentes entrevistadas responden que, en xeral, nos centros educativos, apenas se tocan estes temas. Si se lles fala na casa, aseguran, pero non nos institutos. Obviamente estas entrevistas non reflicten totalmente o que acontece, pois si hai centros nos que se aborda a importancia e necesidade do feminismo nas aulas. E non só. Tamén se organizan actos para xerar conciencia feminista, ademais de impartirse obradoiros de sexualidade nos que se entra sen medo na cuestión dos corpos non normativos. Isto último é urxente, porque se se fala de feminismo hai que incluír as persoas trans e facer visíbel outro problema grave: a transfobia. Tendo conta disto, creo que esas entrevistas amosan só unha parte da realidade, repito. Iso si, esa parte non é en absoluto desdeñábel. Daquela, como o que interesa é sempre mellorar, hai que prestar moita atención ao que esas rapazas responden. 

Velaquí o que se preguntan algunhas delas sobre os asasinatos machistas: “Al asesino le diríamos, pero tío cómo puedes hacer eso en pleno siglo XXI?”. Que poderiamos argumentar para contestar a esta pregunta? Por que razón un home do século XXI, novo e, en moitos casos, con certa formación, pode agredir, violar e incluso matar? En primeiro lugar o século en cuestión non é ningunha garantía, porque a violencia persiste coma noutros séculos anteriores que, non sen certa condescendencia, consideramos peores, dado o “atraso” ao respecto da época actual. Superamos o dereito de pernada, é certo -hai que dar as grazas por isto?-;  deixamos de ter a consideración xurídica de cousas -menos mal!-; incorporámonos ao mundo laboral fóra do fogar -as amas de casa tamén traballan ben duro, malia non lles pagar en efectivo cunha nómina-; podemos divorciarnos e abortar; estudamos carreiras; algunhas conseguen rachar o “teito de cristal” no ámbito cultural -algunhas, tampouco non pensemos agora que son todas!- e acudimos ás manifestacións en masa. 

Somos entón libres. Iso din, que estamos “liberadas”, pero -sempre hai un “pero”-, moitas de nós aínda aturamos a violencia. Simbólica, psicolóxica ou física. Aí están todas as mulleres asasinadas polas súas parellas. Que acontece entón con ese “tío” que, “en pleno siglo XXI”, asasina á súa compañeira sentimental?; por que o fai? Porque pode. Simplemente por iso. Pode, porque aínda vivimos nunha sociedade machista na que ser home implica privilexios. Punto redondo. Se ademais, temos conta de que unicamente unha porcentaxe mínima de señores é quen de admitir esta realidade -e renunciar a tales privilexios-, branco e en botella. O machismo susténtase nas relacións de poder. Quen ten a tixola na man pode exercer a violencia con máis facilidade e masacrar a outra persoa. Por esa razón, non importa tanto a idade. Hai machistas de vinte anos e de sesenta. Tampouco é tan determinante o nivel cultural. Hai tamén machistas moi formados, eis, por exemplo, os señores do sistema cultural, moitos deles de esquerdas. Tampouco non é garantía de nada a opción sexual. Hai algúns homosexuais bastante machistas. Incluso homófobos. Entón onde está a chave do asunto? No poder e na xestión dese poder. Nunha sociedade heteropatriarcal o poder é masculino. Por ese motivo, todo aquel, ou aquela, que se identifique con esa masculinidade tradicional poderá exercer este tipo de violencia.

Te puede interesar