Opinión

Vítimas da violencia machista

Que moitas mulleres heterosexuais aceptan un papel submiso nunha relacion sentimental cun home, sen cuestionar eses privilexios do machote de turno, é un feito. A cuestión é por que non cuestionan ese lugar e perseveran en repetir un idéntico patrón con diferentes noivos. A causa está directamente asociada á concepción, non só rancia mais perigosa, que teñen da parella, ao enmarcala dentro dos parámetros do amor romántico, caracterizado por estar inserido dentro da ideoloxía patriarcal e propiciar relacións de poder nas que sempre hai un que manda -el- e outra que obedece -ela-. 

Trátase pois dun proceso de negación no que a muller se “cousifica” para se entregar ao outro. Nesa tesitura é lóxico que pracer e dor vaian da man... Ata tal punto é así que poderiamos concluír o seguinte: amor e sufrimento son practicamente sinónimos. Combater un sistema de crenzas, que leva séculos instaurado na nosa sociedade, é moi difícil, xa que implica un compromiso político serio para revisalo e xerar un imaxinario diferente. O elemental, para comezar, é ter claro que ela é a vítima e non caermos na acusacións simplista de a culpabilizar por non ser responsable e meterse en problemas. Isto implicaría negarmos a súa posición de febleza e a dificultade para se substraer dela. Unha vítima é alguén que padece un dano que vén de fóra, si, pero, sobre todo, é quen perdeu o autocontrol e xa nin sabe do seu valor. Supoño entón que se comprende a necesidade que ten de axuda psicolóxica e infinita comprensión, alén do apoio moral pertinente para liberarse do abuso no que vive. Non importa tanto a clase social nin o poder adquisitivo como a asunción dun sistema de crenzas, insisto, que a colocan nunha posición inferior dentro dunha relación afectiva. 

Por todo isto é tan urxente educar as crianzas dunha maneira diferente, porque cómpre marcar certos límites para que nin elas agarden polo príncipe azul, nin eles busquen princesa ningunha que se someta aos seus designios. Ser vítima da violencia machista constitúe entón unha traxedia persoal e un problema político grave que urxe solucionar. Todas poderiamos selo, e non por sermos submisas mais porque con moitos machistas dá igual distanciarse, poñerlle denuncias ou conseguir ordes de distanciamento, pois endexamais abandonan a súa teima, así é que acosan, e, no peor dos casos, matan. As mulleres machistas non son vítimas de si mesmas. Son vítimas do patriarcado que as formou como dependentes emocionais para que eles exercesen o papel dominante que utiliza a violencia como método de imposición.

Te puede interesar