Opinión

Volver

Volver. Abrir portas e ventás. Permitir que corra un pouco o aire, porque si se nota que non se renovou totalmente, que algo dos meses previos ao verán ficou varado no medio da sala e necesita saír fóra, abrirse paso ás rúas para diluírse nelas ata desaparecer. A idea consiste, basicamente, en gozar de aire fresco e preservalo o máximo tempo posíbel. Este pracer inmenso de respirar, sen experimentar o tedioso déjá-vu, faise liberador. Case nos parece que aínda é posíbel certo grao de novidade nas nosas vidas sen repetir o vivido cada hora de cada día. Ata cando durará? Esa é a pregunta que me fago ante a reprodución sistemática da rutina que, como a tantas outras persoas, agarda por min inevitabelmente. Talvez ir ao cine, ver algunha que outra exposición interesante ou programar unha nova viaxe poida ser de axuda, mais, a realidade é que a devandita “rentrée” está aí. Con todo o que nos gusta e o que non. Daquela, ante este regreso á rutina, a busca do pracer importa. Interesa atopalo para coller o ritmo deste baile incesante de vivir e non limitarse a un sonambulismo alienante. 

Hai quen o procura na natureza, así é que unha boa camiñada, correr ou andar en bici serán sanadores. Para as persoas que amamos o cine, a arte e a literatura, a cousa promete. Aí están todas esas novelas dos clásicos que levan esperando por nós tanto tempo. Dende aquí, recomendaría, por exemplo, a impresionante Novela de Genji, de Musasaki Shikibu. Eu lina este verán e quedei marabillada coa elegancia e sutileza da autora xaponesa. A agudeza das súas observacións, implícita na profundidade coa que aborda a psicoloxía dos personaxes, é deslumbrante. Tal foi o pracer que me dispensou a lectura desta apaixoante novela que xa me fixen con outro texto dela, El diario de la dama Murasaki. Outra xoia literaria, sen dúbida, que permitirá a quen o lea desfrutar dun imaxinario diferente do occidental, e, obviamente, facer unha desas viaxes que, seguramente, non esquecerá nunca. 

Volver entón pode ser tamén un regreso á casa das letras, a ese mundo construído para o deleite dos sentidos e respirar. Búsquese ese pracer sen temor. A narrativa é unha boa opción, mais non a única. O caso é non abandonarse ás gadoupas da repetición sistemática e desfrutar do tempo libre.

Te puede interesar