Opinión

Xohana Torres

Poetas son aqueles que senten unha verdade e sábena dicir. Son palabras de Xohana Torres, as que empregou para responder a unha das preguntas que lle formulou Salvador Lorenzana nunha entrevista. Palabras sabias e reveladoras dunha autora que tiña moi presente a propia subxectividade. Torres sabía ben que a perspectiva dende a que contemplamos o mundo é limitada, mais, se deixamos que non se contamine polo medo a pronunciar por escrito o que nos provoca inquietude seremos convocadas polo verso e poderemos expresar algo propio, que, talvez, se signifique, e, deste xeito, atravese o corpo lector. 

Penso que os poemas de Xohana Torres tiñan ese pouso de verdade daquelas que non cantan a rosas i frores, as que se atreven a entrar na zona escura e bater nas sombras do que non resulta doado nomear. Nada dada aos actos, a escritora ferrolá precisou de poucas aparicións públicas para deixar unha pegada ben fonda nas voces máis novas. Ser unha crack é o que ten. Ela érao, unha crack, así é que rompeu o tecido sucio do poema e conmoveunos. Ata tal punto o fixo que só con tres versos mudou a respiración dos textos posteriores de tantas outras poetas, que, orgullosas, tomárono como referencia para construír o seu particular discurso. Velaquí están -faise imposíbel non os citar!- os devanditos versos de Torres: “Existe a maxia e pode ser de todos/ A que tanto novelo e tanta historia?/ EU TAMÉN NAVEGAR”. 

A capacidade de seducción da poeta atrapounos. Fixemos do seu mar un espazo de intersección onde convivir para non contarnos mentiras, apropiámonos do seu desexo e subimos ao barco. Ata hai dous días, transitabamos como podiamos, con mellor ou peor fortuna. A partir de agora será máis doado para nós. Hai no centro dese mar un foco que nos guía e todas repetimos confiadas iso de que a maxia existe e pode ser de todos. Entón, A que tanto novelo e tanta historia? Navegar polas augas procelosas converteuse nun proceso estimulante que xa nos interesa máis que o destino en si. Esa era a idea que Torres tiña na cabeza, a que move as ondas do mar de Vigo, que están tristes e sabemos ben por que.

Te puede interesar