Opinión

Xoia cinematográfica

Impactante. A ópera prima de Hu Bo (1988-2017) é un filme conmovedor. Hai quen o considera xa unha obra mestra e non me sorprende en absoluto que así sexa, pois An Elephant Sitting Still é un traballo exquisito. Ao longo de 234 minutos Ho Bu consegue colocarnos nun escenario sombrío grazas a atmosfera opresiva que nos ofrece, alén da complexidade moral do relato e dese toque enigmático dos personaxes que se moven polo espazo coma zombies. Que é iso que os ten atrapados? Velaquí unha pregunta que poderiamos facernos ao ver nos primeiros planos a apatía deses rostros distantes. 

Haberá que ter paciencia e observar o que sucede con atención para comprender o seu aparente desleixo, esa maneira estraña de se entregar á unha derrota anunciada dende as primeiras secuencias. Non é este un filme fácil, pero ficará na memoria de quen decida velo, porque a historia é devastadora. Wei Bu, Yu Chang, Huang Ling e Wang Jin levan unha vida complicada que os agota psicoloxicamente, así é que non se ven con folgos de loitar por nada. Wei Bu foxe de Yu Chang, un gánster de pouca monta, que, a súa vez, se sente terribelmente culpábel polo sucidio dun amigo; a xove Huang Lin discute cada día coa nai, que a maltrata psicoloxicamente, e Wang Jin soporta á intemperie a dor provocada polo carácter desaprensivo do seu fillo. O cineasta chinés tiña unha visión aceda da vida? Tíñaa, en efecto, pero non por gusto. 

Tampouco non por supostos problemas psiquiátricos -depresión, disque-, mais sobre todo por posuír unha lucidez extrema que o levou a mostrar os efectos que a violencia estrutural ten sobre os corpos da xente e a súa vida miserable. Daquela, esas condicións terríbeis nas que malviven os personaxes de An Elephant Sitting Still, derivan dun capitalismo brutal e despiadado que coloca as persoas nun estado de indefensión do que resulta difícil saír. Deixar todo nas mans da vontade é bastante inxenuo, e, por outra parte, típico do neoliberalismo idiotizante actual. Non sempre chega con intentar saír dun “pozo”. Ás veces as circunstancias teñen tanto peso sobre que nós que necesitariamos tres vidas, polo menos, para nos substraer do seu pernicioso influxo. Ho Bu xa gastou unha, e, lamentabelmente para nós, non volverá rodar outro filme. Unha pena.

Te puede interesar