Opinión

BEN-CHO-SHEY (1896-1988)

Acabamos de inaugurar no Centro Cultural 'Marcos Valcárcel' a exposición adicada a Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey), pedagogo, etnógrafo, arqueólogo, historiador, lingüista e político comprometido co galeguismo; un ourensán polifacético e que foi imprescindible nexo que conectou á xeración Nós coas xeracións posteriores de intelectuais comprometidos coa defensa da lingua e a cultura galega.


Segundo testemuñas de persoas que o trataron, foi un home xeneroso e bo, que coincide coas verbas de Anxel Fole: o seu maxisterio é a súa bondade. Mobilizado como soldado para a guerra de Marrocos, foi alí onde en 1922 nacería o seudónimo co que sería coñecido, para derivar as crónicas de guerra ao xornal de Ourense 'La Zarpa'. Pero foi unha figura moi vinculada as deputacións, que lle ofreceron a finais dos anos 20 levar a cabo estudos de pedagoxía especial en Francia e Bélgica, ou a candidatura de 'Ben-Cho-Shey' a deputado provincial por Lugo, representando ao Partido Galeguista nas eleccións de 1936. Un ano máis tarde é represaliado, o que lle supón uns meses de suspensión de emprego e soldo é traslado a Cáceres, onde continúa coa investigación arqueolóxica, ata o punto de que o Museo de Cáceres lle adicou unha sala.


De Cáceres a Toledo e a Madrid, onde levou a cabo un importante labor cultural, ademais de ser mentor e protector de moitos mozos galegos estudantes na capital, sendo directivo do Centro Galego. Autor dunha obra escrita de grandes dimensións, as investigacións históricas, etnográficas, heráldicas ocupan grande parte dos seu libros publicados... que podemos contemplar no Centro Cultural 'Marcos Valcárcel' ata 18 de agosto. O barallete, a lingua dos afiadores, tivo en el un estudoso...


A figura e a personalidade son máis descoñecidas fronte a outros da súa xeración. Aínda que a súa estancia por Trujillo, as Hurdes, non lle resta razóns para escribir: 'Eu confeso que non conozo outro pobo que como o galego faga unha tan completa renuncia da súa personalidade nin renegue....'. Intuición certeira, que incluíu no seu epitafio: 'Quedan suprimidas tódalas homenaxes postmortem, porque as cousas ou se fan ó seu tempo ou non se fan', que poden comprobar na súa lápida en San Francisco. Aínda así, podemos actualizar a obra deste ourensán brillante ata o final.

Te puede interesar