Opinión

"A Costiña", XXV edicións alumeando o novo ano

Na edición dezaoito, comezaba o artigo para La Región sobre a subida “A Costiña” cunha frase sentenciadora: “Os humanos poden resistir calquera como se teñen un por que”. E reafírmome do dito, pois altruísmo, esforzo, espectáculo por ramplas con pendentes do 19% aúnanse cos bos desexos cara o ano que empeza, mentres a maioría trata de recuperarse dunha longa noite de… parranda.

A Costiña de Canedo abrangue o protagonismo atlético popular, saudable e ocioso nas horas da mañá na que quizais máis ourensáns e ourensás aínda descansan dos fastos da Noitevella. Como todos os días un de xaneiro, dende 1994, A Costiña faise sentir, para cada vez máis esforzados corredores e xente que co desexo de subila, en bicicleta, a pe ou acompañados cos seus cans –canicross-, desafían a súa capacidade de esforzo. Resulta así porque a “Subida á Costiña de Canedo”, sendo unha competición de carácter popular que se celebra dende sempre o 1 de xaneiro, significa o traxecto de máis pendente de todos os Camiños de Santiago, ao que hai que vencer. E inaugura o calendario de eventos deportivos de Galicia, dende hai 25 anos.

Este evento deportivo, concibido polo ciclista coa bandexa repleta de copas na man esquerda, Saturnino González, mantén a súa esencia dende a súa orixe: proba de extraordinaria dureza, actualmente ten un percorrido de 4.200 metros con ramplas do 19% de pendente e 15% de media. Só mudou, para Saturnino, subila agora na modalidade atlética, cando ata hai uns anos era en bicicleta portando a bandexa. Ao final sempre resulta ser para os esforzados e desafiantes atletas, ciclistas… a estratexia combativa para o resto do ano.

Hai nove anos, días antes da subida da Costiña, Saturnino escribiume do seu puño e letra, a modo de presentación: “Este año la cuesta de Canedo no va a ser una; van ser 12, una por cada mes del año. Pero eso solo le va afectar a la economía, no al valor, y de eso tanto yo como los que me secundan andamos sobrados. Aguantamos hasta el mal hacer de los políticos, que cada vez nos la inclinan más, haciéndola indefinida. Pero nosotros consiguiremos subirla, de cualquier forma: en bibicleta, corriendo o si no a paso de peregrino”.

Unha idea xurdida a mediados da década dos noventa coa xustificación do prexuizo do tabaco, cando Saturnino González explicaba que “moitas campañas antitabaco, pero xamais recordan aos camareiros, e somos as principias víctimas”. Partindo deste principio, e conxugando coa paixón polos retos difíciles, xurdiu a iniciativa da subida “A Costiña”.

Chegados os esforzados corredores á liña de meta, no balcón de Ourense, faise inescusable contemplar a cidade de Ourense no primeiro día do ano; ao tempo que se destapan unhas botellas de espumosos para brindar polos atletas e o novo ano. Ah!, sempre son moitos, bos e xenerosos, os veciños de Canedo, Beiro e o Castro que animan aos esforzados participantes.

Te puede interesar