Opinión

FUMATA Á DENUNCIA

Hai uns cantos anos, pero en calquera caso foi neste século, lin unha información que non esquecín: 'Alemania es un paraíso para los fumadores en Europa. El hecho de que Hitler prohibiera, durante el Tercer Reich, el consumo del tabaco en lugares públicos, ha frenado la mano a los cancilleres a la hora de imponer restricciones'. ¡Tempo ao tempo!, recordo dicir. A partir de aquí, que quede claro e transparente: as leis emanadas dun Parlamento democrático están para ser cumpridas e respectadas; outra cousa son as formas para garantir a súa aplicación.


Cando digo ¡tempo ao tempo!, non é que presentira a asociación das políticas sanitarias disuasorias do Terceiro Reich coas do Goberno Zapatero, ¡faltaría máis!; e que as medidas para a prevención do tabaquismo foran as mesmas, ou sexa, ningunhas. Pero si que é verdade que recapacitei que as maneiras sobre o tratamento coincidían, cando lin e escoitei á ministra de Sanidade animando a denunciar, non sei ben se aos insumisos incumpridores que lles da todo igual, e quitan o pitillo onde cadre, ou aos establecementos públicos que, aínda desexando ser respectuosos coa lei, non dispoñen de autoridade para facer cumprila. Se chega a forza da orde ¿a quen sanciona, á persoa incumpridora ou ao dono do local?; este, que non foi capaz de pór orde. É polo que resulta comprensible o lamento das asociacións de empresarios diante da 'indefensión' na que se atopan, ao non dispor de ningún mecanismo legal para obrigar ao público insumiso.


A ministra Pajín, chea dunha pedagoxía sen límites, anima a denunciar. Obviase, para comezar, a educación, prevención e o tratamento. Estamos nun país que, máis que a lei, o que impera é a lei do péndulo. Pasamos dun extremo a outro, sen cambiar pautas de comportamento cívico, que levan o seu tempo. Ata é criticable que a lei non saia acompañada xa da consignación presupuestaria para os que desexen deshabituarse. O máis simple e eficiente é que o desenrolo da lei resulte a prezo cero, que estamos en tempos de crise. ¿Solución?, Pajín anima a denunciar. Pasamos da permisividade máis absoluta ?fumar no interior da salas hospitalarias e centros de saúde cos seus correspondentes cinceiros nas salas de espera-, conduta tan aborrecible como denigrante, á animación da denuncia. Está ben, ¡moi ben!, pór todos os impedimentos ao tabaco, aínda que, paradoxicamente, non resulte facilmente entendible que se poida vender tabaco onde non se poida fumar, nunha cafetería, como no estanco. ¿Entenderíase non poder tomar café na cafetería?


A lei si, tamén para o tabaco. ¡E acatala! Aínda que, desta lei, máis que de ningunha outra, pódese afirmar que esconde uns intereses e unhas persoas interesadas: persegue aos fumadores, e móstrase permisiva e impune co produto protagonista do delito. ¿Pódese falar de hipocrisía? A lei debe ser un medio, o principio. Malo se para aplicala e respectala, temos que denunciarnos. Dura lex, sed lex. A Hitler, coa súa sola autoridade, non lle facía falta animar á denuncia. ¡Que bicho!


Te puede interesar